Novas

É unha das empresas que abandeira a defensa e o uso do software libre en Galicia e un dos grandes expoñentes no eido da economía social. Coñecemos a traxectoria e proxectos de Ítaca, que acumula máis de dez anos de historia. O seu equipo cre que neste tempo se deron pasos para aumentar a notoriedade do sector, pero queren seguir traballando polo menos outros dez anos para acadar unha maior presenza social.

Como e cando xorde Ítaca?

Ítaca é unha consultora informática especializada en software libre e no seu ecosistema. Ofrecemos servizos informáticos fundamentalmente a empresas e organizacións. Nacemos no ano 2007, froito da inquietude dun grupo de persoas que quería completar o compromiso social no ámbito do traballo. Desta forma, creamos unha estrutura que permitira desenvolver os compromisos que xa tiñamos noutros ámbitos.

Sempre dicimos que Ítaca nace como ferramenta de transformación na que o principal é o respecto á persoa e aos valores humanistas da economía social: cooperación, traballo, compromiso coa sociedade, ecoloxismo, equidade e sen poñer o foco no lucro. Desde os nosos inicios queremos demostrar que outra economía é posible.

Por que o enfoque no software libre?

Consideramos que o uso e a promoción do software libre responde perfectamente ao compromiso ético que buscabamos no novo proxecto. Tiñamos o coñecemento e a capacitación, pero sabiamos exactamente que implicaba traballar co enfoque do software libre. Pero, ao profundizar, convencímonos de que era moi interesante.

Co software libre temos a ocasión de participar en comunidades de desenvolvemento. Podemo compartir o código que nós programamos ou que outros comparten, pero tamén crear modelos de xestión da información máis transparentes e fiables. Precisamente, agora vemos o que acontece co software que oculta as súas intencións últimas. Venda de información, uso partidista dos datos, etc. E, no lado oposto, o que podería acontecer se empregásemos software con fontes abertas. Sen dúbida, o mundo sería mellor.

Que diferencia a Ítaca doutras empresas do sector en Galicia?

En Ítaca tentamos poñer a persoa por diante de todo o demais. Isto supón que, no noso traballo diario, se vexa reflectido este principio. A resposta de cara ao cliente é de responsabilidade. Cada vez que nos comprometemos cun novo proxecto poñemos enriba da mesa todas as nosas capacidades e o noso esforzo para que o resultado sexa o mellor posible. De feito, no noso sector é fundamental a actualización constante de coñecementos. Tentamos que todo o equipo teña claro que a nosa formación é clave e procuramos poñer todos os medios necesarios.

As persoas traballadoras temos en Ítaca un espazo de autoxestión e corresponsabilidade, evitando a autoexplotación e facilitando a conciliación. Esto implica moito esforzo de comunicación, xa que o mercado está afeito ao “para mañá”. Nós queremos evitar as xornadas maratonianas e a desatención familiar.

Cal é o perfil de profesionais que traballan en Ítaca e como se complementan?

A diversidade dos nosos perfís é algo que si que nos diferencia. En Ítaca traballamos persoas con formación informática, económica e humanista. Isto permítenos abordar os proxectos dende varios puntos de vista. Desta forma, non quedan tan incompletos como cando se afrontan desde un único punto de vista informático.

Así, procuramos que os nosos proxectos de desenvolvementos de software estean supervisados tanto por persoal informático como non informático, para que os dous mundos se complementen. Ademais, ao contar no equipo cunha licenciada en Económicas, podemos apoiar a implementación de software de xestión cunha perspectiva de negocio especializada.

Que proxectos destacades na actualidade e de cales vos sentides máis orgullosos?

Levamos xa algo máis de dez anos traballando e cada proxecto sempre ten unha parte de nós. Aínda que o proxecto sexa pequeno, considerámolo unha oportunidade para aprender e mellorar como cooperativa e como persoas. Por iso, non podemos destacar un proxecto sobre outro. Si é certo que nestes últimos anos puidemos adicarnos a traballar máis en propostas para a economía social. En xeral, este é un marco no que nos sentimos cómodos: ONGs, asociacións, cooperativas…

Na actualidade, estamos traballando con bastante intensidade nunha comunidade de desenvolvementos dun software empresarial tipo ERP. Chámase Factura Scripts e estamos moi satisfeitos co noso labor e co resultado. Traballar xunto a outras persoas e empresas permítenos ter unha visión máis ampla das necesidades do mercado. Ademais, estamos creando un software de xestión -algo complexo de implementar e usar- moi amigable e cunha curva de aprendizaxe moi suave. Isto vai permitir que moitas organizacións e empresas, nomeadamente micropemes e autónomos, poidan empregar un software que antes non sería viable polos recursos necesarios. Agora mesmo estamos implicados no lanzamento da nova versión, que verá a luz nunhas poucas semanas.

Onde vedes Ítaca nos próximos 5 anos? Queredes medrar máis, mantervos? Pensades que estaredes facendo algo que non ten nada que ver co que facedes agora?

En Ítaca o crecemento sen máis non é fundamental. A prioridade é que as persoas implicadas no proxecto esteamos ben e satisfeitas. Isto afecta ás persoas traballadoras pero tamén ás nosas familias e clientes. En consecuencia, poñemos en práctica políticas de conciliación reais e queremos ter un volume de traballo que nos permita ter unha relación fluída e directa cos nosos contratantes.

A situación persoal de cada unha das persoas socias de Ítaca, de aquí a cinco anos, serán distintas ás de agora. Na medida do posible, intentaremos adaptarnos á nova realidade.

Como valorades a posición de Galicia no panorama do software libre?

Os 10 anos de experiencia dos que falamos máis arriba permítennos ter certa perspectiva do que aconteceu durante a última década. Os avances na consolidación do uso do software libre na empresa, que é o contexto no que traballamos, están sendo lentos. Ás veces, sobre todo por parte da Administración, foron pasos vacilantes. Porén, en xeral avanzouse, como mínimo, no coñecemento do que é o software libre.

É certo que nos gustaría que estivera moito máis presente na sociedade. As vantaxes sobre o software privativo son evidentes, inmediatas e constatables. Por iso esperamos seguir traballando outros dez anos ou máis para conseguilo.

Menú