Novas

Conversamos con Fátima Rodríguez, xerente de Deindo Ideas e vicepresidenta de Agasol, para coñecer a historia e traxectoria da súa empresa. Deindo é unha aposta non só polo software libre, senón tamén por recuperar o rural galego con profesións de alto valor engadido. O seu exemplo e o do seu equipo mostra que se pode traballar con clientes de máis aló de Galicia desde unha pequena vila como Ponteceso. E de como a nosa calidade de vida é un atractivo para desenvolvedores de software doutras partes do Estado e do mundo.

Cando e como xurdiu o proxecto Deindo Ideas?

O proxecto Deindo xurdiu a finais da primavera de 2011. Necesitaba reinvertarme, despois de que a empregabilidade da miña titulación universitaria, Enxeñaría Técnica de Obras Públicas, baixara abrumadoramente. Daquela, considerei que o mercado laboral non sería capaz de absorber todo o capital humano que ocupara antes.

Dous anos antes de tomar a decisión de crear Deindo Ideas, á parte de investir o meu tempo na busca dun emprego, tamén puxen en marcha varios proxectos propios de venda en liña. Desta forma, descubrín as posibilidades deste sector. Vin que existía gran demanda de desenvolmento personalizado para proxectos de comercio electrónico. Foi entón cando propuxen ao meu socio impulsar Deindo en outubro de 2011.

Cales son os perfís profesionais das persoas que formandes parte de Deindo Ideas?

Na actualidade o noso equipo está formado por varias persoas. Un deles é Juanjo, o meu socio, enxeñeiro informático con máis de 25 anos de experiencia programando. El leva o peso técnico dos proxectos na empresa. Tamén forma parte do equipo José Luis, titulado en Ciclo Medio de Informática. Ten unha ampla experiencia traballando en diferentes perfís do macrosector da informática. Incorporouse ao equipo hai xa tres anos e encárgase da parte de maquetación e deseño das interfaces dos proxectos. E eu mesma, que me encargo da parte de xestión empresarial, clientes e coordinación dos proxectos.

Por que o desenvolvemento tecnolóxico a partir de software libre?

Desde o principio, detectamos unha demanda no mercado por solucións de software libre. En concreto, de solucións de desenvolvemente personalizado para tendas en liña Prestashop. O software libre está ligado a Deindo desde a súa creación.

De feito, agora non entendemos outro xeito de desenvolvemento. Nós cobramos polo noso tempo e os nosos coñecementos para desenvolver a solución que o cliente nos demanda pero, unha vez abonados estes honorarios, o produto resultante é da clienta, ten liberdade de buscar despois outra desenvolvedora e modificalo libremente.

Ao mesmo tempo, esa é a liberdade que as nosas clientas teñen para vir e facernos encargos de modificación sobre o produto desenvolvido por outra empresa. E todo isto sen infrinxir licenzas propietarias. Co código privativo, os nosos clientes non poderían atopar axuda en nós nin en ningunha outra empresa distinta do desenvolvedor inicial. Co código privativo as clientas perden a liberdade de elixir diferentes socios ao longo da vida do seu proxecto.

Onde vedes o proxecto Deindo nos próximos anos? Retos?

Gustaríanos posicionarnos como socio técnico das axencias de marketing, comunicación e deseño para colaborar nas necesidades de programación dos seus proxectos. Por outro lado, non perseguimos medrar desmesuradamente, xa que dalgún xeito cremos nas teorías do decrecemento.

Manter a nosa sede no rural galego é un dos nosos “must”. Desde Ponteceso traballamos con empresas de todo o Estado e incluso coa Universidade Complutense de Madrid. Un dos nosos retos é medrar desde aquí e axudar a fixar poboación no rural.

Tamén me gustaría destacar que, desde a creación de Deindo Ideas, atravesamos un proceso de expansión inverso. Nos primeiros anos todas as empresas coas que traballabamos estaban fóra de Galicia. Co tempo, imos incorporando empresas galegas á nosa carteira de clientes, aínda que seguen sendo minoría.

Galicia é unha das CCAA con maior dinamismo empresarial no software libre. Cal cre que é o seu potencial nos próximos anos?

A dixitalización das empresas e a industria 4.0 axudarán a unha maior penetración do software libre. Será un cambio para o tecido empresarial galego en xeral e o sector primario en particular.

Os custos destes procesos con software privativo non son nin de lonxe asumibles polas maioría das empresas. Polo tanto, estes desenvolvementos estarán necesariamente ligados ao uso do software libre.

Unha das vosas áreas de traballo é o desenvolvemento de solucións de comercio electrónico. Segundo algúns expertos, en poucos anos a compra en liña será a primeira opción dos consumidores. Imos cara ese escenario?

Efectivamente, a compra en liña crece cada ano e vai desbancando pouco a pouco á compra en comercio físico. Aínda que esta non desaparecerá, si penso que necesitará reinventarse para competir coa compra en liña. Trátase de atopar o seu valor engadido, e converter a compra nunha experiencia sensorial. Neste punto hai moito traballo no que as empresas de desenvolvemento podemos achegar e innovar.

No caso da compra en liña, as pequenas tendas deben diferenciarse e conseguir que se lles elixa por algo máis que polo prezo, xa que, nese aspecto, é case imposible competir coas grandes plataformas.

Se tivera que expoñer brevemente as vantaxes do software libre respecto do privativo a alguén que non coñece o sector, que lle diría para convencelo?

Penso que é complicado concienciar sobre este tema, sobre todo se o grao de coñecemento dixital e tecnolóxico da maior parte da poboación aínda non é suficiente. Pero penso que é clave saber que, co software libre, o produto final será do cliente, quen poderá decidir quen lle axuda despois co seu proxecto. Pola contra, co software privativo, nunca será o dono absoluto e só a primeira compañía desenvolvedora poderá axudarlle dun xeito sinxelo.

Menú