Novas

Se tes un ordenador vello saberás que dez anos son unha eternidade no eido informático. Un hardware cunha década é historia viva da tecnoloxía. Pero eses dez anos fixéronse menos prehistóricos grazas ao labor do Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). En abril de 2008, impulsaron unha distro baseada en Debian chamada MiniNo. A súa orixe procede da confluencia de GALPon Mini e MiniNo, dous proxectos cunha finalidade idéntica.

Precisamente esta distro tiña como obxectivo permitir que ordenadores de ata doce anos puideran executar GNU/Linux. Isto permitía consumir o mínimo posible de recursos hardware, sen renunciar a ningún servizo. En definitiva, tratábase de darlle unha segunda vida a máquinas que só servían para almacenar po na casa.

¿A primeira necesidade que solucionou a distro? Ter unha distribución actualizada en galego e castelán para equipos reciclados procedentes da Universidade de Vigo. E daí estendeuse o uso desta distro lixeira de 32 e 64 bits, que consome pouca memoria e permite o uso de múltiples aplicacións. Desde usar o paquete LibreOffice ata facer screencasts a unha velocidade moi aceptable. Algo difícil de imaxinar en máquinas de dez ou doce anos de antigüidade.

Vantaxes de MiniNo e actualizacións

Ademais, unha das vantaxes de MiniNo é que achega a outras distribucións coñecemento e desenvolvemento en función dos seus obxectivos. A súa velocidade, versatilidade e boa aparencia fixeron que tivera unha boa acollida. E non só en Galicia e España, senón tamén en distintas partes do mundo.

Actualmente está dispoñible a versión 3.0 «Queiles», que está baseada en Debian Jessie. GALPon tamén acaba de actualizar o 2.1 MiniNo «Ártabros» a unha versión 2.2. Así, os seus usuarios poidan sacarlle partido durante algo máis de tempo. Esta actualización realizouse porque o próximo 31 de maio de 2018 remata a asistencia para wheezy-lts. Tanto a versión Queiles como Ártabros contan con distintos instaladores, axustados para diferentes perfís de usuario, desde os máis inexpertos ata avanzados.

Se procuras máis información sobre MiniNo ou queres probalo na túa máquina veterana, podes visitar o seu sitio web aquí.

Menú