MULLERES TECNOLÓXICAS

O papel das mulleres nos ámbitos do software libre e o código aberto: quen é quen en Galicia e no resto do mundo.

Desde Agasol queremos amosar o traballo das mulleres no noso sector, porque somos conscientes de que aínda hai moito camiño que percorrer para mostrar que o software libre en concreto e a tecnoloxía en xeral non son cousas dun xénero específico, senón que están abertos a calquera persoa que queira achegar o seu coñecemento e experiencia.

Por este motivo, poñemos a disposición de todos e todas este espazo divulgativo sobre exemplos de mulleres que están contribuíndo e transformando o noso sector.

QUEN É QUEN

Montserrat Boix
Montserrat Boix

Xornalista. Coordinadora de Mulleres en Rede e iniciadora do grupo Mulleres en Rede polo Software Libre.

Un dos seus focos de interese está na igualdade. En 1996 creo “Mulleres en Rede”, unha rede na Internet que ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos e, de maneira específica, o combate contra a desigualdade en dereitos entre homes e mulleres. Tenta aplicar de maneira transversal nos seus traballos a perspectiva de xénero.

Estudou e escribiu sobre ciberfeminismo. Creou e desenvolveu os conceptos de ciberfeminismo social e hacktivismo feminista a principios do 2000. Nestes momentos esta investigando a tecnopolítica, os movementos sociais e o feminismo. Realizou -e segue realizando- numerosos obradoiros de formación sobre o uso das tecnoloxías desde o activismo social e con frecuencia participa en congresos e seminarios sobre estes temas. É firme defensora do software libre e o coñecemento libre.

Antía Puentes
Antía Puentes

Enxeñeira Informática pola UDC. Socia de Igalia. Leva máis de dez anos traballando en proxectos de software libre relacionados con gráficos e multimedia.

Participou durante anos tanto no desenvolvemento de aplicacións multimedia como no framework de aplicacións dos sistemas operativos Maemo/Meego para smartphones de Nokia. Actualmente traballa como desenvolvedora na biblioteca gráfica de código aberto Mesa, concretamente no driver de Intel de OpenGL para Linux. Recentemente contribuíu á mellora dos tests proporcionados polo Khronos Group para a certificación OpenGL como parte do proceso de certificación OpenGL 4.6 do driver de Intel para Linux.

Entre o seus intereses atópanse as ferramentas de accesibilidade e tecnoloxías asistivas, colaborando puntualmente no pasado en proxectos de accesibilidade como o GNOME Accessibility Project, e desenvolvendo como proxecto de fin de carreira unha libraría de evaluación de acessibilidade web escrita en Erlang.

mar castro
Mar Castro

Licenciada en Informática pola Universidade da Coruña. Socia de Igalia. Conta con máis de 10 anos de experiencia en consultoría tecnolóxica e estratéxica en software libre para a Administración. É coordinadora da Oficina de Software Libre da Amtega, da que forma parte dende os seus inicios, e onde asesora á administración pública para a elaboración dos plans anuais de acción de software libre da Xunta de Galicia, entre outras tarefas.

É co-autora da “Guía de liberación de software libre da Xunta de Galicia” e da “Guía de boas prácticas para a liberación de obras documentais da Xunta de Galicia”. Colabora no deseño, análise e elaboración dos estudos de uso de software libre nas empresas TIC de Galicia, desenvolvidos anualmente polo OSIMGA, e coordina e participa nas actividades de formación e vixilancia tecnolóxica en torno ao software libre dentro do proxecto mancomun.gal. Tamén participou en proxectos de tradución de software libre ao galego e contribuíu no desenvolvemento do dicionario de galego para a suite ofimática Openoffice.

María José Rodríguez Malmierca
María José Rodríguez

María José Rodríguez Malmierca é a responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia dende 1999. Filóloga e DEA en tecnoloxía educativa, dende pequena argallou coa informática grazas ao seu pai, un dos primeiros profesores de informática en FP nos anos 80. Con vocación de deseñadora web nos tempos do HTML 1, traballou na segunda mitade dos 90 creando webs, en especial escolares, e impartindo formación neste eido.

Dende que traballa no CESGA ten participado en máis de 40 proxectos de investigación e innovación en relación coas TIC, onde o papel do software aberto é principal. A nivel europeo, cabe salientar a coordinación do proxecto “ICT-Go-Girls!: Promoting entrepreneurship among secondary school girls through ICT”, (www.ictgogirls.eu) que segue a desenvolver diversas accións relacionadas coa promoción das TIC entre as nenas e o papel femenino no sector, organizando dende o ano 2013 o “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (Girls in ICT Day) dende o CESGA.

Natalicia Costas Lago
Natalia Costas

Natalia Costas Lago é Enxeñeira Superior de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e Master en Seguridade da Información pola Universidad de Deusto. Desde o ano 2004 traballa como Técnico Superior de Comunicacións para o Centro de Supercomputación de Galicia a cargo do mantemento e operación da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e dos servizos TIC da propia institución. Estivo involucrada en múltiples proxectos de innovación achegando coñecemento nas áreas de comunicacións e de infraestruturas e servizos de altas prestacións; como poden ser o proxecto SIGAIM para o deseño dunha arquitetura IT escalable, segura e fiable que sirva para a mellora de procesos de atención primaria en sanidade, ou PASITO, para implantación dun testbed nacional de tecnoloxías de rede;  Nuba para a federación de infraestruturas de cloud o Cloudpyme para a implantación de tecnoloxías de CAD/CAE nas pemes galegas ou MHScaE para o deseño de optimizacións para o escalado de sistemas de gravación automatizada de clases Opencast/Matterhorn, entre outros proxectos.

Carmen Cotelo CESGA
Carmen Cotelo

Carmen Cotelo Queijo é Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Traballa desde o ano 2001 no Centro de Supercomputación de Galicia, onde desenvolviu labores como analista e técnico superior de aplicacións e proxectos. Actualmente coordina a participación do CESGA no proxecto europeo de H2020 “Fortissimo 2: Factories of the Future Resources, Technology, Infrastructure and Services for Simulation and Modelling 2”.

Ten unha ampla experiencia en proxectos de I+D+i en diferentes áreas como o comercio electrónico, a computación de altas prestacións, Grid e Cloud, entre outras. A súa actividade actual céntrase no soporte a empresas para que poidan beneficiarse de tecnoloxías relacionadas coa computación de altas prestacións, Big Data ou Machine Learning. Como resultado do seu traballo técnico e de investigación, é autora nunha vintena de publicacións en congresos nacionais e internacionais e revistas científicas incluidas en JCR.

Laura Nadal, experta en software libre
Laura M. Castro

Laura M. Castro é profesora e investigadora na Universidade da Coruña (UDC). Enxeñeira e doutora en Informática pola mesma universidade, actualmente coordina o Grao en Enxeñaría Informática, así como as dúas materias que imparte. A validación automática de software é o eido onde se centra o seu labor investigador, que a levou a liderar a participación da UDC en varios proxectos europeos.

Xa desde que estudaba, como integrante de GPUL (Grupo de Usuarios e Programadores de Linux, e até hoxe en día, o software libre mantívose presente entre as súas inquedanzas. Así, as ferramentas que son  resultado das súas investigacións están publicadas en repositorios abertos como GitHub (a pesar do nulo recoñecemento que isto ten para o profesorado no noso país).

No seu tempo libre actúa como divulgadora na revista Revirada!, na que vén de publicar unha serie de artigos presentando as liberdades do software libre de xeito accesible para o gran público.

TRABALLAS NO SOFTWARE LIBRE E QUERES CONTARNOS A TÚA EXPERIENCIA?

keyboard_arrow_up