Corcubión

O Concello de Corcubión ofrece un novo sistema de información a través da súa web

– Sixtema, unha das firmas que integran Agasol, desenvolveu un catálogo baseado en Sistemas de Información Xeográfica que permite consultar a través da web usos do chan, roteiros ou todo tipo de servizos

– O desenvolvemento pode replicarse noutros concellos cun custo moi accesible porque está baseado en software libre e non require o pago de licenzas

Concello de Corcubión ofrece a través da súa páxina web un novedoso sistema para ofrecer servizos e información tanto aos seus veciños como aos visitantes que preparan unha visita pola comarca. Trátase dun catálogo baseado en software libre que se pode consultar visualmente de xeito intuitivo e que foi desenvolvido por Sixtema, unha das máis de vinte compañías que conforman a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). A empresa ten a súa sede en Santiago de Compostela e unha delegación en Madrid.

A idea vén de atrás, de cando en 2005 o Concello de Corcubión decidiu ter o seu espazo en Internet. Había ideas, pero non sobraba o diñeiro, lémbrase Norberto Pais, técnico da Axencia de Desenvolvemento Local do concello. “Expúxose fuxir de contidos moi institucionais e de presentacións de cariz máis político que outra cousa, queriamos facer unha web funcional”, comenta. Esa idea recollérona en Sixtema para bosquexar un catálogo baseado en sistemas de información xeográfica e ofrecer a través de Internet unha cartografía interactiva coa que é posible sinalar e situar usos do chan, roteiros  culturais, patrimonio histórico, servizos de usos público como farmacias, hostalería, entidades bancarias ou as dependencias do concello. “Un luxo”, resume Norberto Pais. Unha ferramenta de gran valor, pero non excesivo custo. “Somos un concello pequeno e non podemos permitirnos grandes gastos por iso o feito de que o catálogo estea desenvolvido sobre software libre permítenos dispor del.” Alejandro Lamas, un dos responsables de Sixtema corrobora esa percepción: “Un sistema similar ao que ten o Concello de Corcubión, pero en software propietario, pode custar só en licencias uns 20.000 euros. Connosco só tiveron que investir en desarrollo. É un proxecto accesible e replicable para administracións locais ou empresas pequenas, non só para grandes corporacións”.

Porque á marxe desa accesibilidade está tamén a utilidade. Norberto Pais apunta que a web do concello é a máis consultada da zona e incide en que é polo seu carácter comarcal. “Outras webs municipais son moi localistas, a nosa, como o concello é moi pequeño en extensión, ofrece información sobre a comarca”, asegura. Con todo, o catálogo ou sistema de información xeográfica ofrece de momento información do concello. “E non é pouca”, apostilla Lamas. “Identificamos máis de 250 puntos de interese xeorreferenciados e con contido multimedia, ofrecemos horarios, direccións e a posibilidade de integrar toda a información en programas de uso xeneralizado como Google Earth e xerar pequenos mapas para imprimir”. Foi un labor exhaustivo que require periódicas e levadías actualizacións, pero o traballo levou a cabo en apenas un mes. “Fixémoslles unha presentación na que demostrabamos como funcionaba o catálogo, aos responsables do Concello encantoulles e en apenas trinta días xa estaba o sistema publicado”, explican os enxeñeiros de Sixtema.

Con todo, na empresa compostelán cren que aínda hai moito por facer neste ámbito da xeolocalización a través da web. As súas solucións xa recibiron varios premios e distincións e teñen suscitado o interese doutros concellos. “Acabamos de entregar uns catálogos similares ao de Corcubión para varios concellos do Eixo Atlántico, e no ámbito ambiental tamén estamos preparando varios, como o da Sociedade Galega de Ornitoloxía”.

keyboard_arrow_up