O concepto de software libre alude á liberdade para executar, copiar, distribuír, estudar, cambiar e mellorar o software, de non estar atado ao pago dunha licenza para usalo ou renovalo. Non incumbe ao prezo da aplicación, pero si se diferencia do denominado privativo en que non é preciso pagar unha licenza por empregalo e que pode aplicarse sen renovar custos nun número ilimitado de equipos.
A Free Software Foundation define dun modo máis preciso catro liberdades dos usuarios do software:
- A liberdade de usar o programa, con calquera propósito.
- A liberdade de estudar como funciona o programa, e adaptalo a unhas necesidades concretas grazas ao acceso ao código fonte.
- A liberdade de distribuír copias e axudar aos demais.
- A liberdade de mellorar o programa e facer públicas as melloras aos demais, de tal xeito que toda a comunidade poida beneficiarse.