AGASOL Logo

Software Libre

O concepto de software libre alude á liberdade para executar, copiar, distribuír, estudar, cambiar e mellorar o software, de non estar atado ao pago dunha licenza para usalo ou renovalo. Non incumbe ao prezo da aplicación, pero si se diferencia do denominado privativo en que non é preciso pagar unha licenza por empregalo e que pode aplicarse sen renovar custos nun número ilimitado de equipos.

A Free Software Foundation define dun modo máis preciso catro liberdades dos usuarios do software:

  • A liberdade de usar o programa, con calquera propósito.
  • A liberdade de estudar como funciona o programa, e adaptalo a unhas necesidades concretas grazas ao acceso ao código fonte.
  • A liberdade de distribuír copias e axudar aos demais.
  • A liberdade de mellorar o programa e facer públicas as melloras aos demais, de tal xeito que toda a comunidade poida beneficiarse.

O software libre é tamén unha aposta pola independencia tecnolóxica, polo coñecemento xerado por compartir tecnoloxía, unha garantía de operatividade e soporte a longo prazo porque o desenvolvedor non ten a necesidade de converter en obsoletos os seus produtos para dar continuidade a unha espiral comercial. É sinónimo de seguridade porque existe liberdade para acceder ao código fonte, de fluidez para corrixir posibles erros, de personalización, de non atarse a un provedor.

O mercado para os desenvolvedores de software libre está na comercialización ou na entrega de servizos asociados. O cliente non debe pagar por usar o software, senón polos servizos de asistencia técnica, de capacitación e pola implementación de novas características ou a corrección de erros ou defectos. Para moitos clientes isto significa un gran aforro e unha maior independencia: non deben pagar licenzas nin acceder á piratería e poden adaptar completamente os seus sistemas ás súas necesidades.

Imprimir Imprimir
- AGASOL | Feito en Wordpress
Rss Feed Tweeter button Facebook button Linkedin button