As empresas de software galego en situación crítica e á expectativa pola falta de resolución das axudas “empresa dixital”

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) anunciara o pasado 19 de abril a creación dunha liña de axudas destinadas a fomentar proxectos de carácter tecnolóxico abordados desde a cooperación empresarial, cunha contía total de 2.9 millóns de euros.

Esta liña permitiría que todas as empresas galegas, independentemente do seu ámbito de actividade, puideran introducir aplicacións tecnolóxicas que melloran a súa calidade e produtividade. Unha posibilidade que melloraría a actual situación xa, que todos os indicadores poñen a Galicia na cola en canto a uso de TIC.

A orde publicouse e os proxectos foron presentados dentro do prazo establecido -19 de maio de 2011-, un grande esforzo por parte do sector do software galego para convencer, propoñer e atraer ao tecido produtivo galego para que se acollera a este plan que lle axudaría a desenvolver aplicacións específicas e á medida das súas necesidades e competencias en materia TIC.

A día de hoxe, non temos información ningunha sobre a resolución desta liñas de axuda, o que pode traer graves consecuencias non só para o sector TIC senón para todas as empresas dos distintos sectores que culpan ás propias empresas promotoras. Unha situación de desconfianza que prexudica gravemente ao sector TIC galego que traballa para que o desenvolvemento da sociedade da información e da comunicación en Galicia se poña ao nivel europeo.

Para as patronais do software galego, Agasol, Agestic e Eganet, urxe unha rápida resolución para que o traballo desenvolvido até o de agora non se vexa defenestrado e que a situación de desconfianza no sector TIC non se establezca como premisa para outros sectores empresariais.

Á preocupación xeralizada das empresas súmaselle a inmediatez dos prazos establecidos segundo o artigo 19 das bases da convocatoria: as entidades beneficiarias deberán presentar toda a documentación requirida antes do 15 de novembro, no caso de proxectos dun ano, e antes do 30 de xuño de 2012 para proxectos bianuais.

De non haber unha decisión rápida por parte dos órganos responsables da adxudicación, as empresas veránse na texitura de anular o proxecto presentado ou de apresurarse no seu desenvolvemento, o que non garantiría a calidade inicialmente prevista.

As asociacións empresariais que aglutinan ás empresas do software galego, Agasol, Agestic e Eganet, insisten en que a implantación e o uso das TIC é fundamental para o crecemento económico. Unha realidade que require do compromiso e proactividade das Administracións para que acompasen os ritmos ás necesidades do tecido produtivo.

keyboard_arrow_up