Google e o goberno de Brasil, entre os participantes na Libre Software World Conference de Santiago
O maior evento empresarial e divulgativo sobre o software libre internacional celebrarase os días 18 e 19 na Cidade da Cultura, aberto ao público.
O fundador da Open Source Initiative, Bruce Perens, será o encargado de abrir o programa de ponencias o xoves 18, que xa está completamente pechado.
Santiago, 16 de outubro 2012.- Durante dous días, empresarios, representantes de administracións, técnicos e desenvolvedores de software de todo o mundo e público en xeral confluirán na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela en dous días de encontro ao abeiro da Libre Software World Conference 2012, recoñecida como o principal evento de software libre a nivel internacional.
Nas últimas datas, a organización, que corre a cargo de Agasol –Asociación de empresas galegas de software libre- e Asolif –Federación nacional de empresas de software libre-, veñen de anunciar o peche definitivo da programación, que destaca por traer a Compostela as voces máis representativas e importantes do ámbito do software libre.
Así, entre os ponentes que participarán activamente na Libre Software na xornada do xoves, atópanse Bruce Perens, o fundador da Open Source Initiative; Júlio Cézar Neves, do Comité de Implementación de Software Libre no Goberno do Brasil, que falarán das experiencias das entidades internacionais ás que representan, que pivotan sobre o software libre.
Tamén o xoves haberá un espazo para a exposición de proxectos que empregan a filosofía do software libre, como é o caso dos coñecementos compartidos da Wikipedia. Por parte de Galicia, unha das empresas que exporá os seus proxectos en software libre será a galega Igalia, que dará a coñecer o LibrePlan Open Web Planning. A formación a través de cursos en software libre, ou as vantaxes de desenvolver proxectos baseados en fontes abertas serán motivo de debate durante a primeira xornada da LSWC.
Mais na Libre Software World Conference tamén se falará do software libre como ferramenta para a mellora da economía, dende o punto de vista de novos sistemas de produción e de xestión desa produción. Por iso, o xoves 18 participarán no encontro representantes de Economía do ben común, ou subdirector de Triodos Bank, que abordarán a situación presente e futura de novas formas de colaboración social que pasen da competencia á cooperación no marco dunha nova economía social.
As ponencias e mesas redondas do venres serán tamén multidisciplinares: daranse a coñecer exemplos de aplicacións en software libre para o mundo empresarial sobre casos concretos tanto en Galicia como no resto de España e a nivel internacional. Non en van, a Libre Software World Conference ten un marcado carácter divulgativo para particulares, polo que a inscrición e participación é totalmente gratuíta para todas aquelas persoas e empresas que se teñan inscrito ata o 4 de outubro.
De entre as voces intenacionais máis importantes que participarán na xornada do venres, destacan a de Jeremy Allison, responsable de programas de software libre de Google; Marco Lima, coñecedor da implementación do software libre a través da acción do goberno en Brasil; ou John Sullivan, director executivo da Free Software Fundation americana.
No marco da Libre Software World Conference daranse a coñecer as distribucións rexionais sobre GNU/Linux, ou as aplicacións creadas en fontes abertas como solucións de escritorio, e aplicadas en moitas administracións.

