AGASOL da un paso a diante para consolidar o peso específico que o Software Libre ten no sector empresarial galego
O presidente de Agasol, Xavier Castaño García, destacou que o convenio suporá un incremento no coñecemento que as empresas galegas teñen das solucións empresariais baseadas en Software libre
A Confederación de Empresarios de A Coruña e a Asociación de Empresas GAlegas de SOftware Libre (AGASOL)
sumarán as súas forzas para promover e divulgar de forma conxunta o uso de software libre. Os presidentes de ambas as dúas entidades, Antonio Fontenla Ramil e Xavier Castaño García, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración de duración indefinida que prevé a difusión do Software Libre no ámbito empresarial e a presentación e uso de solucións empresariais baseadas en Software libre.
Nos últimos anos a aposta polo software libre en Galicia, a través de AGASOL, está medrando considerablemente, “porque as empresas buscan un modelo de negocio eficiente, adaptable ás súas necesidades, rendible e de alta calidade, e iso no ámbito do software ofréceo o software libre”.
Xavier Castaño Garcia, presidente de AGASOL, dixo que este convenio é un paso adiante para Agasol, xa que abre as portas a consolidar o peso específico que o Software Libre ten no sector empresarial galego. Asimesmo, abre unha canle de estreita colaboración co resto do sector empresarial que esperamos axude a crecer a implantación e desenvolvemento de Software Libre en Galicia”.
Sobre a Confederación de Empresarios de A Coruña
A CEC é unha organización profesional de carácter confederativo e intersectorial, de ámbito provincial, sen ánimo de lucro, constituída para a coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses empresariais, xerais e comúns, que está dotada de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.
Dentro das súas competencias está o establecemento de servizos de interese común e a promoción do avance nos métodos e técnicas de xestión de empresa, mediante a organización e funcionamento dos oportunos medios de información.
Sobre AGASOL
Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre, constituida no ano 2007 e que se agrupan nunha asociación sen ánimo de lucro para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.
