Vilagarcía acolle a Xornada “Software Libre contra a crise” o xoves 12 de febreiro, que tras a exitosa acollida nas capitais galegas estuda extenderse a máis lugares da comunidade

A sesión informativa “Software Libre contra a crise”, ofrecida pola Asociación de Empresas Galegas de Sofware Libre (Agasol) coa colaboración coa Consellería de Innovación e Industria, chega o vindeiro xoves, 12 de febreiro, a Vilagarcía de Arousa, como culminación dun exitoso itinerario polas principais vilas galegas co obxectivo de proporcionar información aos empresarios sobre as vantaxes das tecnoloxías libres e abertas. A cita, de carácter gratuíto, principiará ás 19,30  horas no auditorio da sede da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa (Avenida Doutor Tourón, 46). O relatorio corre a cargo de Roberto Brenlla,  economista especializado en Tecnoloxías da Información e fundador de Tegnix (unha das 25 empresas que integran Agasol).

Trala elevada asistencia ás sesións e o interese suscitado en capitais como Ourense, Ferrol, Santiago e Lugo, por onde transitaron as xornadas en días anteriores, a Asociación  de Empresas Galegas de Software Libre, non descarta extendelas a outros puntos de Galicia.

Nesta ocasión os empresarios arousáns terán ocasión de ampliar o seu coñecemento sobre o Software Libre, Linux e os Estándares Abertos, incidindo nas súas vantaxes competitivas en canto a aforro de custos ou adaptabilidade e nas axudas oficiais que presta a Xunta de Galicia para implantacións. O programa da xornada está dirixido, en especial, a xerentes, responsables de finanzas, estratexia ou tecnoloxía da información e, mesmo, interesados en xeral, que asistirán a unha sesión ilustrada con exemplos de implantacións desenvolvidas en empresas, institucións ou na Administración. Para rematar, abriráse unha rolda de preguntas e propiciarase o debate, que continuará durante a degustación dun viño galego.

PARA ACCEDER AO BOLETÍN DE SUSCRIPCIÓN, PREMA AQUÍ

keyboard_arrow_up