Begoña Vila, astrofísica da NASA: “Está demostrado que, cando os equipos son diversos, os resultados son mellores”

Girl Stem Begona Vila astrofisica NASA

O programa Girl Stem entrevista a Begoña Vila, astrofísica galega na NASA. A entrevista coa enxeñeira galega Begoña Vila inaugura o ciclo de conversas da terceira edición do programa GIRL STEM, derrubando estereotipos, que este ano se transforma nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), inician así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Begoña Vila en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Begoña Vila Costas é unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo e está especializada no estudio de galaxias espirais. Estudou nas Universidades de Santiago de Compostela e Manchester, onde se doutorou, así como no Instituto de Astrofísica de Canarias. No 2016 recibiu o Premio “Logro Público Excepcional” da NASA e ao ano seguinte obtivo o Premio da Xunta de Galicia pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, “María Josefa Wonenburger Planells”. O seu percorrido profesional abrangue dende a Axencia Espacial Canadense ata a NASA.

Na entrevista, realizada por Paloma Piot, enxeñeira informática do colectivo HELLO SISTERS –unha iniciativa vinculada á UDC para animar a mulleres novas a dar as súas propias charlas en eventos técnicos, resolver as súas dúbidas e apoialas- Begoña Vila recoñece que “hai que facer un esforzo extra para que a xente vexa un traballo equivalente ao que fai un home” e asegura que “hai un proceso de adaptación para aprender a traballar en ámbitos onde sabes que vas ser minoría”. Con todo, a enxeñeira ve unha esperanzadora melloría na situación actual, na que as mulleres que traballan na NASA rondan un 25%, vinte puntos por riba da porcentaxe que ela atopou á súa chegada á axencia espacial estadounidense en 2012, cando eran tan só un 5% das persoas traballadoras.

Begoña Vila anima ás rapazas novas interesadas nos ámbitos STEM a que non dubiden da súa valía. A enxeñeira galega admite que “vai haber momentos difíciles; a diferenza está en como reaccionas despois, hai que seguir sempre adiante, sen renunciar”. Begoña Vila afirma que “está demostrado que os equipos onde hai diversidade de xénero, raza, ideoloxía, ámbitos de estudo… son equipos con mellores resultados nos seus proxectos”.

Por último, a enxeñeira lanzou ás mozas un reto: “As nenas de hoxe tedes que ser referentes para as que veñan atrás; para as vosas irmás pequenas, para as vosas fillas… É importante que fagades este traballo non só para vós mesmas senón tamén para as seguintes xeracións”.

Na actualidade, Begoña Vila reside en Washington DC, e traballa como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial Goddard da NASA, onde é a encargada de controlar que o telescopio espacial James Webb -sucesor do “Hubble”- teña a máxima precisión na toma de imaxes tras o seu lanzamento, a bordo dun cohete Ariane 5, na primavera de 2019.

Ligazón á conversa con Begoña Vila:
https://archive.org/details/sg-begona-vila-v-3-1

You are currently viewing a placeholder content from Default. To access the actual content, click the button below. Please note that doing so will share data with third-party providers.

More Information

Links de interese:
https://es.wikipedia.org/wiki/Begoña_Vila
https://ciencia.nasa.gov/begoña-vila
https://es.wikipedia.org/wiki/Astrof%C3%ADsica
https://www.euroinnova.edu.es/blog/que-es-la-astrofisica

O próximo xoves 12 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Rebeca Atencia, primatóloga na Fundación Jane Goodal.

keyboard_arrow_up