Rebeca Atencia, primatóloga na Fundación Jane Goodall: “Ao principio ser muller na selva foi duro, pero ao final conseguín que me valorasen”

Esta semana GIRL STEM conversa cunha veterinaria ferrolá que atopou no Congo a oportunidade de achegar algo máis á sociedade a través da súa paixón. Rebeca Atencia naceu en Ferrol, estudou veterinaria na Universidade Complutense de Madrid, e traballou ás ordes de Jane Goodall no centro de reprodución Help que a mítica activista dirixe no Congo. Dende 2012, Rebeca está á fronte do centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga, dependente da Fundación Jane Goodall. O Concello de Ferrol concedeulle o Premio 8 de marzo no ano 2019, en recoñecemento á súa traxectoria profesional.
Nunha entrevista realizada por Bárbara Román, avogada responsable de Nolegaltech -unha empresa galega especializada en dereito tecnolóxico- Rebeca Atencia afirma rotundamente que “a sorte hai que buscala” e ten claro que hoxe traballa no Congo para a fundación Jane Goodall porque sempre aspirou a converter o seu amor polos animais en algo máis grande. Rebeca relata que “no meu día a día teño que dieversificarme moito e facer de todo; desde arranxar o motor dun coche ou montar paneis solares, ata levar un barco ou reintroducir crocodilos na reserva de Conkouati; pero son feliz –asegura-, África ensinoume a estar aberta e aprender que todo é posible”.
A primatóloga recoñece que “a vida sempre ten dificultades, pero se as ves como desafíos, como retos, serven para avanzar”. Falando sobre dificultades, relata que “cando cheguei ao Congo era moi noviña e os traballadores e as autoridades non me facían caso; o quedarme tranquila, escoitar, non reaccionar negativamente e mostrar simplemente que son unha profesional e que fago as cousas con lóxica, mudo a súa actitude”, e engade “en África o bonito é que cando demostras que loitas con paixón por unha causa, a xente únese a ti”. Sobre a súa adaptación no Congo, Rebeca conclúe “ao principio ser muller foi un impedimento, pero ao final transformouse en algo positivo porque acabaron dando máis valor ao meu traballo, cando viron que unha rapaza nova era capaz de sacarlles as castañas do lume”. Tamén recorda que non falaba francés e que foi unha cuestión de supervivencia aprender ese idioma no menor tempo posible para poder dirixir grandes equipos en situacións de perigo extremo “como cando nos toca escapar dos elefantes na selva”.
Ollando cara a súa traxectoria en perspectiva, esta veterinaria afirma que “sempre me sentín apoiada pola miña familia, que me ensinou a loitar por unha idea por moi imposible que pareza” e lembra que “moitas veces o camiño non é recto, ten desviacións; pero acabas encontrando o que buscas se continúas firme no teu obxectivo”.
Neste sentido, Atencia aconsella ás rapazas novas “que crean nelas mesmas, se realmente soñan con algo, por moi raro e inalcanzable que pareza” e “que non definan moito os seus soños; que pensen só nas emocións que queren sentir no futuro, as que as van facer felices, e que loiten por iso, sexa onde sexa; porque as cousas imposibles, fanse posibles cando pos paixón e profesionalidade”.
Na actualidade, Rebeca Atencia dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpancés de Tchimpouga, situado na República Democrática do Congo e dependente do Instituto Jane Goodall. Neste centro fundado no 1992 coidan e protexen a uns 160 chimpancés co propósito de devolvelos á selva ao tempo que desenvolven un labor de educación e sensibilización sobre estes animáis dirixido á poboación da zona. O centro ofrece un santuario aos exemplares de chimpancé en situación de orfandade, vítimas do comercio ilegal -aínda que xeralizado- de carne de animais salvaxes ou de animais de compañía. No 2011 o Instituto Jane Goodall (JGI) negociou con éxito co goberno do Congo a expansión a tres illas situadas no río Kouilou, onde o JGI poderá recolocar a uns 120 chimpancés que actualmente viven no santuario. Alí, os chimpancés vivirán nun hábitat máis natural e reducirase o amontoamento de Tchimpounga. Ata o de agora, 57 dos chimpancés máis fortes e mellor preparados foron recolocados nas illas Tchindzoulou, Ngombe e Tchibebe.
O programa GIRL STEM, derrubando estereotipos, transfórmase nesta edición nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, achegando recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia. Con este obxectivo, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) co apopio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está axhegando aos centros de ensino galegos estas conversas coas mulleres referentes nos ámbitos STEM en formato de pílulas audiovisuais, acompañadas de unidades didácticas, coas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. Esta acción enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos dos ámbitos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa un 29% do total de persoas matriculadas.
O próximo xoves 19 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia; e Gisela Vaquero, deseñadora de videoxogos, entrevistadas por Luz Castro.
Ligazón á conversa con Rebeca Atencia:
https://archive.org/details/sg-rebeca-atencia-v-3
Links de interese:
https://es.wikipedia.org/wiki/Rebeca_Atencia
https://de.wikipedia.org/wiki/Tchimpounga_Chimpanzee_Rehabilitation_Center
https://zoovetesmipasion.com/veterinaria/
https://www.ted.com/talks/jane_goodall_what_separates_us_from_chimpanzees/upnext?
language=es
https://youtu.be/FEp1h7GKIao


