Agasol e a Xunta fomentarán o software libre entre as pemes, micropemes e autónomos galegos
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) vén de recibir da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia unha achega de 30.000 euros para realizar actuacións orientadas a promover un maior uso do software libre e de fontes abertas (floss) entre as pemes, micropemes e autónomos galegos.
Ambas as dúas partes subscribiron un convenio de colaboración a través do cal AGASOL desenvolverá tres liñas de actuación para a promoción do software libre na contorna empresarial galega creando un catálogo de servizos integrais para as pemes, organizando xornadas de promoción do Floss e traducindo ao galego o aplicativo de comercio electrónico Magento.
Un dos obxectivos do acordo recolle a creación por parte de Agasol dun catálogo de servizos integrais para as pemes co obxectivo de que as pequenas e medianas empresas galegas poidan coñecer, dun xeito gráfico e visual, as diferentes ferramentas TIC baseadas en software libre que existen e que poden axudar a facilitar os seus procedementos de xestión, funcionamento e difusión da súa actividade. Ademais, AGASOL será a encargada de organizar unhas xornadas de promoción do software libre para pemes nas que se informará sobre aqueles productos e casos de éxito na utilización do floss en pequenas e medianas empresas que contribuíron á mellora da productividade a través da utilización desta tecnoloxía. A terceira liña de actuación basease na traducción ao galego do aplicativo de comercio electrónico Magento, unha ferramenta floss que proporciona un aspecto gráfico actual e vistoso ademais dunha xestión e mantemento sinxelo para aquelas empresas que queiran levar a internet o seu catálogo comercial. O comercio electrónico supón, a día de hoxe, unha oportunidade para as empresas na comercialización dos seus productos, polo que permite superar as barreiras horarias e as limitacións especiais nos procesos de compra.
Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas, dotado con 800.000 euros, e que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou o pasado mes de abril ás asociacións de usuarios e empresas de software libre galegas.
