Mancomun publica unha comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre
Mancomun vén de publicar na web unha comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre, na que se analizan as principais solucións en software libre e de código aberto dispoñibles para a creación de tendas en liña adaptadas ás necesidades da PEME galega, coma serían osCommerce, Magento, PrestaShop, VirtueMart e Ubercart.
No texto compáranse as devanditas ferramentas para facilitar a elección da máis axeitada en cada caso, analizándose en profundidade as de maior implantación e relevancia, deixando claro que existen plataformas libres para vender a través da Internet, o que facilita que as pequenas e medianas empresas poidan abrirse ao mundo e contar cunha nova canle de comercialización e visualización dos seus produtos e servizos.
