A Oficina de Software Libre e Reciclaxe Electrónica de Ames comenza en xullo as súas actividades

Oficina Software Libre ames obradoiro reparacion altofalantes xullo

Xullo será o mes no que arrincarán as actividades da Oficina de Voluntariado Informático de Sofware Libre e do Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, e cuxo lanzamento se anunciou recentemente.

A primeira actividade consistirá na realización dun obradoiro de iniciación á reparación e reciclaxe de altofalantes, que se celebrará o sábado 9 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas, na sede da oficina, no antigo centro de saúde do Milladoiro (rúa Agro do Medio 8, Ames).

A inscrición poderá facerse a través do correo electrónico 📧 raivenra@gmail.com ou a través da plataforma libre Mobilizon, no seguinte enlace. Tamén achegamos estes datos de interese para as persoas que queiran asistir:

Principais actividades da oficina

A oficina centrará as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, daranse cursos de formación e realizaranse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten.

Ademais, ofrecerase axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e será un punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Por outra banda, o Banco de Reciclase Electrónica de Software Libre recollerá equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos.

Proxecto financiado con fondos públicos polo Concello de Ames.

Menú