A Xornada “O software libre contra a crise” chega a Lugo o 5 de febreiro
A Asociación de Empresas Galegas de Sofware Libre (Agasol) ofrecerá o vindeiro 5 de febreiro en Lugo a sesión informativa “Software Libre contra a crise” que, en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria, forma parte dun itinerario que realiza polas principais capitais galegas para dar a coñecer ao sector empresarial as vantaxes que ofrecen as tecnoloxías libres e abertas. A cita, de carácter gratuíto, terá lugar a partir das 19 horas no edificio FORCAM (Rúa Cántigas e Frores, 31) e nela intervirá como relator Roberto Brenlla, economista especializado en Tecnoloxías da información e fundador de Tegnix, unha das 25 compañías que se integran en Agasol.
Logo de recalar exitosamente nas cidades de Ourense, Ferrol e Santiago, farao en Lugo desenvolvendo, de novo, un programa dirixido a que xerentes, responsables de finanzas, estratexia ou tecnoloxías da información amplíen o seu coñecemento sobre que é o Software Libre, Linux e os Estándares Abertos, incidindo nas súas vantaxes competitivas en canto a aforro de custos ou adaptabilidade e nas axudas oficiais que presta a Xunta de Galicia para implantacións. Ademais, exemplificarase con implantacións desenvolvidas en empresas, institucións ou na Administración. Para rematar, abriráse unha rolda de preguntas e propiciarase o debate, que continuará durante a degustación dun viño galego.
PARA ACCEDER AO BOLETÍN DE SUCRIPCIÓN, PREMA AQUÍ
