A Xunta inicia o estudio previo para migrar a software libre os ordenadores dos empregados públicos

  • Agasol elaborará unha análise exhaustiva para identificar o impacto económico desta actuación e as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas para afrontala
  • Analizará tamén cal é a mellor solución para consolidar un modelo estándar de plataforma de teleformación da Administración autonómica
  • Ademais, creará un conxunto de solucións baseadas en software de fontes abertas deseñadas especificamente para a xestión de micropemes e autónomos que poderán probar no Centro Demostrador TIC.

Santiago, 26 de febreiro de 2013. Durante os vindeiros meses Agasol realizará un estudo para identificar o impacto económico do cambio a ferramentas ofimáticas de fontes abertas nos postos de usuario, así como as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas que require esta medida. Os resultados desta análise, que se prevé ter rematada a finais de ano, determinarán a dimensión e os prazos do plan de migración, que se elaborará en base ao estudo.

Medidas para autónomos e micropemes
O acordo asinado esta mañá establece ademais outras tres liñas de actuación dirixidas á difusión do software libre na sociedade, á súa utilización nas micropemes e a mellora dos recursos de teleformación da Administración autonómica.

Segundo recolle o convenio, Agasol creará un conxunto de solucións tecnolóxicas de software libre especificamente deseñadas para cubrir as necesidades de xestión das micropemes e dos autónomos, que se presentarán no Centro Demostrador TIC, onde se instalarán para ser probadas. Cómpre destacar que en o tecido empresarial galego está composto en preto dun 95 por empresas de menos de dez empregados. Segundo datos do IGE, catro de cada cinco empresas galegas teñen dous ou menos traballadores (83,1) e máis da metade das empresas galegas (56,1) son autónomos.

Solucións para a teleformación e difusión entre a cidadanía
Outra das actuacións que recolle o convenio é a realización un estudo comparativo das plataformas de teleformación existentes no mercado tanto baseadas software libre como privativo. En base a esta información formularase a elección do tipo de plataforma máis axeitada para a prestación dos diferentes servizos de formación online que ofrece a Administración autonómica. Ademais, o estudo recollerá as múltiples solucións de aprendizaxe virtual dispoñibles e cales son as máis recomendables para implementar a plataforma corporativa.

A terceira acción do acordo establece a colaboración de Agasol coa Oficina de Software Libre da Xunta para reforzar o labor de asesoramento que realiza este departamento tanto dentro da administración como de cara á sociedade. Agasol facilitará información sobe como atopar dun xeito sinxelo e rápido os produtos ou servizos de software libre que se adapten as necesidades do usuario, datos sobre as solucións máis novidosas e asesoramento sobre a instalación, configuración e matemento destas solucións.

Ademais das accións establecidas no Plan a Administración autonómica está a empregar o software libre en iniciativas estratéxicas no ámbito da Administración electrónica, e en proxectos tecnolóxicos de envergadura como Abalar ou a Rede de Aulas CeMIt para a formación dixital de cidadáns e empresas. Grazas a Abalar, desde o pasado mes de setembro máis de 43.000 alumnos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola. E os 21.000 usuarios da rede CeMIT fórmanse en novas tecnoloxías con equipamento dotado de software libre. O emprego do software libre nestas iniciativas permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011. Tanto no proxecto de Abalar coma no proxecto da rede CeMit, Agasol foi un colaborador importante que a axudado ao éxito técnico de ambos os dous proxectos.

image_gallery

A directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente da Asociación  de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Alejandro Escobar,  durante a sinatura do convenio

 

 

 

 

keyboard_arrow_up