Agasol e a Xunta abordarán o Plan de migración a software libre en 1.000 ordenadores dos empregados da Administración Xeral
Un ano máis a Amtega colaborará coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre de uso empresarial. A Amtega asinou hoxe coa asociación AGASOL o convenio para o desenvolvemento de accións do Plan de Software Libre 2014.
Entre as accións a levar a cabo está o inicio do plan de migración do posto de empregado público a Software Libre.
Software Libre na Administración
Ademais da migración a software libre de 1.000 postos de traballo de empregados públicos acometerase tamén a migración do sistema de xestión da rede de bibliotecas públicas á solución libre Koha ILS así como a actualización da rede de portais da área de cultura e bibliotecas, empregando solucións de fontes abertas como Drupal ou Liferay. O software libre será tamén peza clave para a implantación de solucións corporativas de bussines intelligence e de xestión documental e na implantación dun repositorio institucional para a produción científica do SERGAS.

