Novas

  • O programa ‘GIRL STEM: derrubando estereotipos’ realizará encontros en centros de ensino das sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro.

  • Na iniciativa participarán referentes como Julia Bernal (directora xeral de Red Hat en España e Portugal), Monsterrat Guardia (Directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell) e Edita de Lorenzo (profesora da Universidade de Vigo e secretaria xeral da Asociación PuntoGal).

  • Búscase incentivar a vocación das rapazas nas carreiras científicas e tecnolóxicas, onde as mulleres apenas representan o 30% das persoas matriculadas.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017. A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), queren reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para iso, poñen en marcha o programa ‘GIRL STEM: derrubando estereotipos’, que se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro.

Sesións Girl StemTrátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Desde o 21 de setembro ata o 19 de outubro haberá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.

O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

Ademais dos encontros con mulleres referentes, levaranse a cabo outras sesións de sensibilización en institutos, nas que se proxectarán vídeo-testemuñas e tamén se desenvolverán charlas e dinámicas abertas á participación de distintos colectivos con implicación na orientación vocacional das nenas (profesorado, departamentos de orientación, familias, así como nenos e nenas). As datas das xornadas de referentes e sensibilización son as seguintes:

21 de setembro | IES Eduardo Blanco Amor (Ourense) / Referentes e sensibilización.

26 de setembro | IES Sofía Casanova (Ferrol) / Sensibilización.

28 de setembro | IES Valle Inclán (Pontevedra) / Referentes e sensibilización.

8 de outubro | IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo) / Referentes e sensibilización.

15 de outubro | IES do Castro (Vigo) / Sensibilización.

17 de outubro | IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) / Sensibilización.

19 de outubro | Fundación Barrié (A Coruña) / Referentes e sensibilización.  

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal. As escollidas finalmente son importantes figuras da Ciencia e a Tecnoloxía galega e española.

Edita de Lorenzo

Edita de Lorenzo (21 de setembro en Ourense) | Profesora e doutora en Enxeñería de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, foi a primeira muller en dirixir unha escola de enxeñería en Galicia, entre outros importantes logros, como é a súa investigación sobre a aplicación de técnicas de radar de superficie ao problema da detección de cancro de mama, o impulso do dominio .gal (é a secretaria xeral da Asociación PuntoGal) e a fundación, xunto a outras mulleres, da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte da Asociación IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineering).

Montserrat Guardia Banco Sabadell

Montserrat Guardia (28 de setembro en Pontevedra) | É a directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. Ademais, é unha gran experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos cinco anos, un ámbito no que desenvolve un papel moi activo a través da presidencia da Quantum Blockchain Alliance e a vicepresidencia do consorcio Alastria.

Julia Bernal Red HatJulia Bernal (19 de outubro na Coruña) | É a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. Debido ao seu cargo en Red Hat no mercado ibérico, é unha das directivas máis importantes de España, xa que compañía norteamericana é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns.

Tamén se celebrará unha xornada de referentes en Lugo, da cal están pendentes por confirmar algúns detalles organizativos dos que se informará proximamente.

Poñendo datos á fenda entre mulleres e homes no ámbito STEM

As mulleres supoñen o 55% das persoas que estudan nas universidades galegas pero, tal e como destaca a Xunta no seu VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, esta distribución non é uniforme segundo as ramas de coñecemento. A presenza de mulleres é moi elevada nas Artes e nas Humanidades, nas Ciencias Xurídicas e Sociais e, en especial, nas Ciencias da Saúde, nas que preto de 3 de cada 4 estudantes son mulleres.

Polo contrario, a proporción de mulleres é significativamente inferior entre o alumnado das enxeñerías e Arquitectura, por debaixo do 30%. De feito, nos últimos 15 anos, a proporción de mulleres estudantes en enxeñerías e Arquitectura pasou do 33,1% ao 28,1% do total, cinco puntos menos. No conxunto do Estado, esa porcentaxe aínda é inferior, do 25,5%.

Datos algo menos recentes corroboran este escenario en Galicia: en 2012 -últimos datos que facilita o Instituto Galego de Estatística-, por cada 1.000 persoas entre 20 e 29 anos había 16,7 graduados e graduadas en educación superior en ciencias, matemáticas e tecnoloxía, con un significativo diferencial de xénero: 12,1 mulleres, fronte a 21,1 homes. Esta fenda é máis alarmante se se ten en conta que, no periodo 2005-2008 a diferenza entre mulleres e homes situábase en torno aos 7 puntos porcentuais, polo que o desapego das mulleres polas carreiras STEM foi en aumento.

A reducida presenza de mulleres nas carreiras STEM preocupa porque inflúe de forma decisiva no desempeño profesional posterior. A ocupación de mulleres en profesións de tecnoloxía media e alta é do 28,4% e tamén son minoría (40,6%) nos postos de traballo dedicados á I+D. Polo tanto, estes datos poñen de manifesto a importancia que ten a eliminación dos estereotipos de xénero imperantes na sociedade e que condicionan a elección de estudos.

Menú