AGASOL e AMTEGA reeditan o programa GIRL STEM para animar ás rapazas a cursar estudos científicos e tecnolóxicos

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan a traballar para reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 25%, según os datos achegados polo Informe ‘El Desafío de las Vocaciones STEM’ publicado hai unha semana pola Asociación Española para a Digitalización DigitalES. Para iso, poñen en marcha o programa ‘GIRL STEM: derrubando estereotipos’, que se desenvolverá catro cidades e seis vilas galegas durante o mes de outubro.

Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Do 4 ao 14 de outubro haberá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.

O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, especialmente nas rapazas.

Ademais dos encontros con mulleres referentes, levaranse a cabo seis obradoiros en centros de primaria, nos que se desenvolverán dinámicas orientadas a familiarizar ás nenas e nenos coa ciencia e normalizar o seu coñecemento e o seu uso dentro de xogos e actividades cotiás. O sentido destes talleres é cubrir unha das fendas que sinala o informe anteriormente mencionado, que fala da ausencia de orientación nos centros de primaria e secundaria cara estas carreiras, con datos de un 85% de docentes que considera que precisa máis formación en TIC para desenvolver o seu traballo e un 88% que destaca que non aprendeu a integrar a tecnoloxía nas súas materias.

conferenciantes Girl Stem 2019 Agasol

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía
Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal. As  escollidas finalmente son importantes figuras da Ciencia e a Tecnoloxía galega e española.

Montserrat Guardia (4 de outubro na Coruña) | Gran experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos anos, é neste momento a directora xeral de Alastria, o consorcio de Blockchain no que participan máis de 420 membros de primeira liña procedentes da industria, o sector público e o mundo académico de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002.

Yaiza Rubio (9 de outubro en Ourense) | É analista de Intelixencia en Elevens Paths (a unidade de ciberseguridade de Telefónica). Ten pasado por importantes empresas no ámbito da intelixencia como S21 ou Isdefe. Ademais é membra do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e colaboradora do Centro de Análise e Prospectiva da Guardia Civil. É docente universitaria en cursos de postgrado sobre análise de intelixenica, seguridade e fontes abertas. Publicou xunto a Félix Brezo o libro ‘Bitcoin; a tecnoloxía blockchain e a súa investigación. Participou como poñente en prestixiosas convencións de hackers como DefCON e Black Hat.

Beatriz Martínez (11 de outubro en Lugo) | Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de RED HAT para apoiar as actividades de Cloud e Infraestrutura. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, ocupando diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os diferentes retos e necesidades do cliente tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.

Mar Capeáns (14 de outubro en Pontevedra) | É científica senior no CERN (Xenebra, Suiza), onde leva liderando distintos grupos de traballo desde 1992, e onde actualmente exerce como Coordinadora Técnica das melloras tecnolóxicas do experimento LHC, coñecido popularmente como acelerador e colisionador de partículas, un proxecto fundamental dentro do campo da investigación nuclear. Ten publicado máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST) e participou como asesora en Consellos Científicos e na avaliación de finaciamento competitivo de programas de Física de partículas a nivel internacional e para programas da Comisión Europea.

Poñendo datos á fenda entre mulleres e homes no ámbito STEM
As mulleres supoñen o 55% das persoas que estudan nas universidades galegas pero, tal e como destaca a Xunta no seu VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020esta distribución non é uniforme segundo as ramas de coñecemento.  A presenza de mulleres é moi elevada nas Artes e nas Humanidades, nas Ciencias Xurídicas e Sociais e, en especial, nas Ciencias da Saúde, nas que preto de 3 de cada 4 estudantes son mulleres.

Polo contrario, a proporción de mulleres é significativamente inferior entre o alumnado das enxeñerías. De feito, según sinala o informe ‘el Desafío de las Vocaciones STEM’ publicado hai uns días pola Asociación Española para A Dixitalización DigitalES, mentres que na Universidade as rapazas forman o colectivo maioritario, a representación feminina nas enxeñerías e máis baixa, concretamente do 25% en 2018 cunha caída xeral moi acusada pero máis pronunciada nas mulleres.

Desde o curso 2010/11 ata o 2016/17, o número de matrículas neste tipo de carreiras baixou un 28%, especialmente entre as rapazas (33%). Como motivos, o informe apunta 3 claves: menor confianza en sí mesmas nas materias STEM, carecer de orientación axeitada nos centros de primaria e secundaria, e a influencia de expectativas e estereotipos por ausencia de referentes, un dato crucial este último cando falamos de idades nas que se funciona por imitación de patróns.

Outros estudos falan tamén dunha maior inclinación das mulleres por estudos que podan ter unha apliación social para a mellora da súa contorna. Neste sentido, o programa GIRL STEM pretende tamén visibilizar todas as posibilidades das carreiras STEM para achegar transformacións socioeconómicas que non serían posibles sen a tecnoloxía. Según datos achegados polo informe de DigitalES, a día de hoxe habería 10.000 empregos vacantes no sector tecnolóxico en España por falta de cualificación.

Menú