AGASOL e o Concello de Ames poñen en marcha a campaña “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”

Trátase dunha campaña informativa baixo o lema “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”, para dar a coñecer o servizo que ofrece o Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica de Ames que xestiona AGASOL. A oficina foi creada en maio de 2022 e os seus obxectivos principais son reducir a fenda dixital para colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio. O Banco sitúase no antigo centro de saúde do Milladoiro.
A oficina recolle equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan, de xeito que poidan seguir sendo operativos para quen dispoña de menos recursos. Os equipos son reacondicionados para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Ata o día de hoxe xa foron moitos os equipos entregados a persoas e colectivos.
Invitamos aos veciños e veciñas do concello e da súa contorna a doar o seu ordenador ao Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica de Ames, de forma que se lle dea unha nova vida con software libre, reducindo a piratería.
Dende a súa creación, organizáronse diversos obradoiros nas súas instalacións, como o de seguridade dixital básica, de reparación e reciclaxe de altofalantes, de instalación de computadores e de robótica. Para este ano estamos a preparar máis obradoiros a partir de setembro, estade atentos!
As persoas interesadas en obter máis información sobre o seu funcionamento poden acudir persoalmente ás instalacións ou escribir ao enderezo electrónico osla@agasol.gal.
Proxecto financiado con fondos públicos polo Concello de Ames.
