AGASOL, entre os pioneiros “.gal”
Este martes 22 de xullo a Asociación PuntoGal anunciou os 90 organismos pioneiros no uso do dominio “.gal”, entre os os cales se encontra AGASOL (Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre). A Asociación PuntoGal seleccionou case un centenar de membros da comunidade lingüística e cultural de Galicia baseándose en criterios de visibilidade, notoriedade, diversidade e compromiso co seu fomento no ámbito das novas tecnoloxías, é dicir: que empregan a lingua galega nas súas comunicacións en liña, que promoven os diferentes aspectos da cultura galega en liña e/ou que dirixen as súas comunicacións e servizos en liña especificamente a esta comunidade.
Os esforzos por conseguir este fito para a presenza da sociedade galega na rede remóntase ao ano 2006. En xuño dese ano, entidades representativas da cultura e a sociedade galegas constituíron a Asociación PuntoGal. En 2008, a iniciativa conseguira xa máis de 9.000 apoios individuais para a solicitude do dominio “.gal”. En maio de 2013 presentouse formalmente a candidatura ao ICANN, que aprobou a concesión en xuño dende mesmo ano. O contrato de creación do dominio foi asinado en novembro de 2013 e fíxose realidade o pasado mes de abril.
Despois desta primeira fase que constitúe o Programa Pioneiros, entre setembro e novembro comezará a fase de lanzamento Abrente, ou Sunrise, na que se permitirá que outras entidades públicas e privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Esta fase simultanearase co proceso de Carreira, ou Landrush, no que calquera interesado sen prioridade especial poderá solicitalo. A partir de principios de decembro de 2014, calquera persoa poderá solicitar un dominio “.gal”.
