Agasol realiza unha demostración sobre a utilidade do software libre na inauguración do Centro Demostrador TIC de Galicia

O novo Centro, inaugurado esta mañá polo presidente da Xunta, servirá como escaparate aos produtos do sector do software libre en Galicia, que xa factura preto de 20 millóns de euros ao ano

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) asumiu un papel protagonista na inauguración do Centro Demostrador TIC (CDTIC) O novo centro foi inaugurado esta mañá, na parroquia compostelán de Conxo, polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que atendeu a unha demostración na que Agasol mostrou a utilidade de varias aplicacións desenvolvidas sobre software libre.

Núñez Feijoo presto moito interes as prestacións de aplicacións como OpenBravo, un ERP ou sistema de información xerencial mediante o que se pode manexar toda a información que xera unha empresa, e Open Pos, un sistema deseñado para xestionar puntos de venda e sobre o que se fixo unha demostración respecto do que pode achegar no día a día dun establecemento do sector da hostalaría.

O Centro Demostrador TIC de Galicia que permitirá ás empresas do ámbito tecnolóxico do Software Libre amosar produtos e servizos dirixidos a mellorar produtividade e competitividade das empresas doutros sectores produtivos. O Centro Demostrador será un punto de encontro entre a oferta TIC en Software Libre e a demanda empresarial TIC para o que contará, entre outros servizos, cun Mapa de Solucións Tecnolóxicas de Galicia, un directorio en liña completo e categorizado de provedores, produtos e servizos TIC existentes en Galicia.. Configúrase ademais non só como centro formativo senón como ponte para unha colaboración estable entre Administración e empresa e escaparate de produtos e desenvolvementos. Neste sentido, Agasol, agrupa ás 29 principais compañías do sector do software libre en Galicia, que dan emprego a máis de 400 persoas e facturan preto de 20 millóns de euros ao ano.


http://cdtic.xunta.es/

 

keyboard_arrow_up