Agasol renova a súa directiva e expande a súa presenza noutros territorios como referente en software libre

Agasol Asemblea Xeral 2021

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) celebrou en liña a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que, entre outros aspectos, se aprobaron as contas de 2020 e se renovou a Xunta Directiva. A entidade concluíu o pasado exercicio, marcado pola situación pandémica, cun resultado positivo e sen débedas, dous fitos aínda máis destacables debido á coxuntura.

Na reunión tamén se levou a cabo a renovación da Xunta Directiva, na que cambian todas as súas persoas integrantes, salvo na presidencia, na que seguirá Carlos Rodríguez (da empresa Librebit), e nunha das vogalías, a correspondente a Pablo Sanxiao (Icarto). Na vicepresidencia Bárbara Román (NoLegalTech) substitúe a Fátima Rodríguez (Deindo Ideas); Miguel González (Aitire) pasa a ocupar a secretaría no lugar de María Xosé Fernández (Dimensiona); na tesourería, Iván Prieto (Libreinnova) colle o relevo de André Castelo (APDTIC); e Cristina Gomis (Tagen Ata) cede o seu posto como vogal a Pilar Vila (Forensic & Security). Ademais, Manuel Míguez (3.14) pasa a ocupar unha nova vogalía.

Expansión propia e das súas empresas socias

Esta nova directiva afronta un escenario de crecemento para a asociación que, actualmente, é a máis importante e representativa do ámbito do software libre en Galicia, xa que representa a case unha trintena de empresas, entre elas grandes referentes dentro e fóra de Galicia e de España. De feito, as empresas asociadas a Agasol teñen negocio en 18 países de catro continentes, en mercados tan consolidados como EE. UU., Alemaña, Xapón, Corea do Sur ou Finlandia.

Pero ademais, Agasol, que dende a súa creación en 2007 acumula unha dilatada traxectoria como voz de referencia no sector, xestiona a súa propia expansión a outras autonomías como Madrid, Cataluña, País Vasco, Andalucía e Extremadura, nas que asesora a gobernos e grandes empresas.

Entre os proxectos que desenvolve está o asesoramento a un dos cinco primeiros bancos do mercado español na migración dos seus sistemas a GNU/Linux, ademais de traballar como provedor, desde hai catro anos, cunha das compañías de hardware máis grandes do mundo.

Outros retos e accións para 2021

Entre os retos de 2021 e os próximos exercicios seguirá sendo unha prioridade a ampliación do número de empresas socias, así como reforzar o sector do software libre e manter a súa posición consolidada de interlocución, tanto con entidades públicas como privadas.

Precisamente en Galicia, Agasol vén de renovar a súa participación no Plan de Software Libre que promove a Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, como un dos seus principais axentes.

Á parte da súa actividade técnica no eido do software libre, Agasol é unha das entidades que máis contribúe á visibilización das mulleres nas profesións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas nas súas siglas en inglés), grazas á organización das xornadas Girl Stem en centros de ensino galegos, nas que participan referentes nacionais e internacionais que inspiran a rapazas e rapaces para ampliar o seu abano de opcións en carreiras científico-técnicas.

Menú