Novas

Entrevistamos ao presidente da Asociación Aberteo con motivo da súa creación. Nela coñecemos os obxectivos e actividades que desenvolverá esta entidade, sobre todo no eido do software e cultura libres.

Por que motivo xorde a Asociación Aberteo?

A Asociación Aberteo nace a partir dun evento anual que se celebra desde hai dous anos, LibreTeo, que está organizado polo Concello de Teo. Nel coincidimos un grupo de xente que queriamos facer do LibreTeo algo máis que un evento anual. Queriamos levar a súa esencia á xente durante todo o ano. Parecíanos moi interesante potenciar un foro na nosa contorna para promover a divulgación do coñecemento libre. O obxectivo era abarcar todos os ámbitos posibles e facelo fomentando tamén o uso da nosa lingua e cultura. Deste xeito, en xuño de 2017, xuntámonos para crear unhas bases, estatutos e compoñer o primeiro órgano directivo da Asociación.

Había unha demanda na vosa contorna por coñecer máis a cultura e o software libres?

Partimos da base de que sempre debería haber demanda de coñecemento en calquera contorna. Pero eramos conscientes de que en Teo, polas súas peculiaridades xeográficas, o eido tecnolóxico non estaba moi potenciado. Aínda que culturalmente somos moi fortes, tamén identificamos a necesidade de transmitir outro tipo de cultura que non fora a tradicional. Ensinarlle á xente que hai outra forma de facer as cousas e de transmitir o coñecemento.

Podedes adiantarnos a temática dalgunhas das actividades que pensades desenvolver en 2018?

Queremos desenvolver actividades heteroxéneas. O aspecto tecnolóxico é un dos puntos máis destacados, xa que hai moi pouca iniciativa nese ámbito, aínda que nas ANPAS dos colexios xa comezan a introducir actividades de robótica e programación. Queremos abrir unha fiestra ás tecnoloxías abertas, pero tamén á cultura libre. Isto levaranos a ofrecer coloquios sobre coñecemento (usar buscadores na rede, coñecer alternativas de software libre, localización de software, ferramentas de coñecemento libre, etc.) e obradoiros interactivos nos que participe a xente (drons, RaspberryPi, programación, robótica, bonecos de peluche feitos a partir de calcetíns, ‘clown’ teatral, etc.). E sen esquecer que este ano celebrarase un novo LibreTeo, no que imos participar como colaboradores do Concello. De feito, a próxima semana teremos unha reunión para analizar o enfoque desta próxima edición.

Quen forma parte de Aberteo? Que perfiles?

O perfil predominante, sobre todo na directiva, é o de xente relacionada co mundo da informática. Non obstante, tamén hai xuristas, profesionais da educación, do teatro…Pensamos que unha maior variedade enriquecerá a actividade de Aberteo.

Reunión de creación de Aberteo

O primeiro encontro dos creadores de Aberteo

Considerades que hai unha maior curiosidade pola cultura e software libre agora en comparación con anos atrás?

Totalmente, pero aínda non a suficiente. Son temas que sempre están encaixados nun determinado colectivo, o friki. O noso labor consistirá en demostrar e ensinar que son cousas ao alcance de todos e que é moi sinxelo se se demostra e explica ben. Pero, sobre todo, se resulta ameno, divertido e atractivo para a xente que teña curiosidade. Se conseguimos iso, será moi importante, porque falarán das nosas actividades e a promoción do boca orella é moi efectiva. Incluso nun sector en constante cambio como o tecnolóxico.

Que entendedes por cultura e software libres? Cal é a vosa visión e en que sentidos pode contribuír á sociedade?

A cultura e software libres, cada cal no seu ámbito, é a expresión de dar a coñecer algo, compartilo e melloralo en común. Nós sempre facemos a distinción e queremos deixar moi claro que libre non significa gratis, porque a xente tende a confundilo. O coñecemento é libre e universal. Cando un programador está deixando o seu código fonte está dando ese coñecemento .O mesmo cando un ilusionista explica o seu truco e un cociñeiro proporciona o segredo da súa receita. Todo ese coñecemento é libre porque xa existe. Logo alguén pode usalo para melloralo ou darlle a súa visión e tratar de gañarse a vida con el. Aquí temos a diferenza: adquiriu ese coñecemento e logo usouno para elaborar algo co que poder comerciar.

Cando nos presentamos en sociedade na Feira do San Martiño de Teo en novembro de 2017, amosamos unha máquina recreativa caseira no noso posto. A máquina foi concibida mediante coñecemento libre difundido pola Rede e logo construímola. O uso que lle queiramos dar depende de nós, como, por exemplo, vendelas para obter un rendemento económico. O noso interese está en transmitir como buscar e adquirir ese coñecemento, para que despois cada persoa intente buscar un beneficio concreto.

 

UN SECTOR DIVERSIFICADO E CON PRESENCIA INTERNACIONAL >>
Coñecemos as principais cifras dun sector en auxe en Galicia.

Menú