Beatriz Martínez: “Hai moitas mulleres referentes en ciencia e tecnoloxía pero non nos falan delas”
Beatriz Martínez, enxeñeira do equipo Solutions Architets de RED HAT (líder mundial proveedora de tecnoloxía para institucións e grandes firmas como Inditex ou Abanca), presentou hoxe o programa ‘GIRL STEM: derrubando estereotipos’, nun encontro con 60 rapazas e rapaces do IES Gregorio Fernández de Sarria e o CPI Ramón Piñeiro de Lugo. Nesta sesión achegou datos e razóns que explican por que a presenza das mulleres é máis reducida ca dos homes nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.
Durante o encontro, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Amtega da Xunta de Galicia, Beatriz Martínez puxo de relevo que “resulta extraño e preocupante que nun mundo tan tecnolóxico como o que vivimos, a xente nova non teña interese en cursar estudios STEM, cando ademais todas as profesións se moven cara ámbitos tecnolóxicos”.

A enxeñeira fixo co alumnado un itinerario para tentar descifrar os motivos que provocan esta baixa matriculación en carreiras científicas e tecnolóxicas, sobre todo nas mulleres, onde as cifras son tan só do 25%. Nesta exposición, acabou concluíndo que o que fallan son os estereotipos e a falta de referentes. Durante a conversa achegou a súa historia persoal ao alumnado: “eu fun afortunada porque a miña nai estudiou Químicas e contaba con ese referente, pero vós sodes aínda máis afortunadas e afortunados porque tedes Google para buscar todos os exemplos de referentes que queirades”. Neste sentido, asegurou que non é que non existan mulleres importantes ao longo da Historia nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, pero hai que buscalas porque non se coñecen, desde Ada Lovelace que foi a primeira programadora coñecida xa no século XIX ata todas as Premio Nobel en investigacións de Física, Química ou Matemáticas.
As oportunidades están nas carreiras STEM
A enxeñeira insistiu que as rapazas e rapaces non deben deixarse influencia polos estereotipos cos que aínda convivimos e convidounos a imaxinarse traballando no ámbito dos videoxogos ou das aplicacións en temáticas que lles interesan. Concluíu afirmando que “as oportunidades laborais van cara as carreiras científicas e tecnolóxicas e vós, como sociedade do futuro, tedes que liderar eses ámbitos porque hai miles de postos de traballo agardando por eses perfís, que neste momento escasean”.
En que consiste o programa
A iniciativa ‘GIRL STEM’ é un programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Do 4 ao 14 de outubro están programados diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.
O obxectivo desta iniciativa é contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.
Quen é Beatriz Martínez
Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de RED HAT para apoiar as actividades de Cloud e Infraestrutura, traballando con sistemas de almacenamento de datos para grandes empresas en todo o mundo. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, en diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os retos e necesidades arredor de distintos ámbitos relacionados coa enxeñería das telecomunicacións, tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.
