Desde o aforro enerxético ata a loita contra a covid-19: o sector do software libre reúnese en Vigo achegando solucións en sectores clave

A cidade de Vigo será o epicentro do software, hardware e cultura libres os días 24 e 25 de xuño, con motivo da celebración do Congreso esLibre, un dos eventos tecnololóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional.

Será na cidade de Vigo, concretamente no Museo Marco e no espazo de eventos Muta. Neste congreso achegaranse distintas propostas e solucións sobre cuestións moi relevantes para a cidadanía, como son o aforro na factura enerxética, a loita contra as pandemias, o combate contra software malicioso, incentivar o interese pola programación na escola e un longo etcétera.

As entidades anfitrionas e que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). O evento desenvolverase en formato presencial, pero tamén estará dispoñible en liña para as persoas que non poidan asistir a Vigo.

Optimizar a factura enerxética

Entre as múltiples temáticas que se abordarán destaca unha de imperiosa actualidade: como optimizar o aforro enerxético. Isto pódese conseguir a través do proxecto FreeDs, que une un hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos nun determinado momento e derivalos para outros usos.

Actualmente conta con case 2.000 persoas usuarias que, a través dun grupo de mensaxería en Telegram, comparten consellos e asesoran sobre a montaxe e uso deste sistema, que apenas ten un custo de 50 euros.

Hai fogares que grazas a este proxecto lograron rebaixas de ata o 100% do custo variable da factura, reducindo facturas mensuais de 400 a só 8 euros. Porén, FreeDs dedícase a optimizar, é dicir, para lograr o aforro é preciso contar coa instalación e o consumo de fontes de enerxía alternativas aos combustibles fósiles, como a enerxía solar.

Loita contra a covid-19

A expansión global da covid-19 puxo de manifesto a utilidade da tecnoloxía para controlar os contactos de persoas infectadas. Un exemplo son as aplicacións de rastrexo implantadas por numerosos países en todo o mundo, entre eles España.

No noso país, a aplicación oficial foi desenvolvida e lanzada con software libre e facilitando a interoperatividade con outros sistemas, como amosan estes datos da Comisión Europea. O experto Alexander Sander, da Fundación Europea de Software Libre, falará sobre o impacto que esta tecnoloxía na loita contra a pandemia.

A propia Fundación considera necesario que calquera aplicación deste tipo sexa libre e utilice software libre, o cal permite protexer os dereitos fundamentais da cidadanía achegando seguridade e transparencia, que non poden garantir outras solucións privativas de grandes compañías tecnolóxicas.

Outras temáticas relevantes

Esta edición de esLibre inclúe debates e conferencias sobre asituación actual do movemento do software libre en Galicia e outras comunidades como Asturias. Precisamentre a galega é unha das autonomías onde hai un sector con empresas referentes e de gran proxección internacional.

As actividades do congreso tamén se centrarán en achegar ferramentas para combater o software malicioso na utilización de sistemas libres como Linux ou como a plataforma Arduino, que incentiva o interese e a práctica en programación por parte do estudantado de ensino secundaria e bacharelato.

O software libre é transversal a todos os sectores da economía e iso tamén aplica á construción, unha das actividades con maior peso na economía galega e española que, pese a iso, está moi pouco dixitalizada. Unha das charlas amosará as carencias e o que queda por facer neste eido.

Outra das conferencias máis esperadas é a que protagonizará Pietro Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto que permite ás súas persoas usuarias ter o control sobre os seus propios datos, subidos á súa propia nube particular.

Este sistema estase utilizando en produción en centenares de miles de organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios masivas.

Horarios e actividades

Desde a propia web do congreso pódese acceder ao detalle de horarios e actividades programadas, incorporando unha ficha de cada unha delas, con descrición e ata contactos das persoas relatoras.

A asistencia é libre e gratuíta pero, por cuestións de aforo, é preciso rexistrarse previamente no seguinte enlace.

Menú