Diferenza entre software libre e gratuito? A palabra clave é ‘liberdade’
Se buscas o termo “software libre” en Google, comprobarás que un gran volume de resultados fan referencia a software de balde. Pero, ao contrario da súa fama, o software libre non é sinónimo de gratuito.
É certo que hai software libre sen custo, pero a súa filosofía non parte desa premisa. En realidade, como moi ben indica a Free Software Foundation, a entidade mundial de referencia para o sector, este tipo de software non é unha cuestión de prezo, senón de liberdade.
Liberdade é a palabra clave. Permite entender a súa esencia e o que pode ofrecer aos usuarios. De aí o seu apelido “libre”. O caso é que, por influencia do concepto “free” do inglés, está moi extendida a idea de que todo é gratis. A isto hai que sumar outra cousa. Trátase da existencia de moitos programas de software libre que non supoñen un custo para o usuario. Entre os exemplos máis populares están WordPress, Firefox e o paquete LibreOffice.
Se che interesa o software libre, aquí podes ver algunhas das súas aplicacións
Menos pagos por licenzas, máis comunidade
A diferenza do software privativo (Microsoft Office ou Windows), o libre non depende do pago dunha licenza para o seu uso ou renovación. E os usuarios teñen a posibilidade non só de executar os seus programas, senón tamén de copialos, distribuílos, cambialos e melloralos. Un dos seus obxectivos é que a tecnoloxía se democratice en beneficio de todos.
A aplicación de software libre ten un prezo, é certo. Pero outra das diferenzas importantes co software privativo é que non hai que pagar licenzas polo seu uso. Isto supón o seu uso en multitude de equipos sen esixir un custo para cada un deles.
Que che pareceu este artigo? Queres que escribamos sobre algún tema en concreto? Envía as túas suxerencias a comunicacion[arroba]agasol.gal. Grazas pola túa colaboración!
QUERES SABER MÁIS SOBRE SOFTWARE LIBRE? >>
Descubre as 10 principais iniciativas sen ánimo de lucro de software libre en Galicia.