Novas

O lucro forma parte do ADN de cada empresa. E, entre as que pertencen ao sector do software libre de Galicia e doutros lugares non son unha excepción. Agora ben, entre a súa filosofía, non está a monetización constante dos seus desenvolvementos e innovacións. É o que o distingue do software privativo.

Porén, se procuramos coñecer entidades sen ánimo de lucro que defenden o uso e consolidación do software (e hardware) libre existen varias con ese obxectivo. Unha delas é a propia Agasol. A día de hoxe é a única entidade empresarial que representa ao sector na nosa comunidade. Neste enlace podes coñecer as empresas socias.

Tal e como indica no seu sitio web, Mancomún pretende ser o portal de referencia de todas as iniciativas que se desenvolven no sector do software libre de Galicia. Iso inclúe as que traballan tanto desde os eidos institucional e empresarial como o educativo e voluntariado.

Mancomún fixo un labor de recopilación das principais entidades. E clasificounas nos seguintes grandes grupos atendendo á tipoloxía dos seus membros: asociacións de usuarios de software libre (AGUSL), grupos informais e asociacións empresariais e entidades universitarias. Tamén as diferencia atendendo ao ámbito no que se moven: as tres primeiras de hardware e o resto, de software.

Recuncho Maker
Non hai nada que se lles resista. Nesta comunidade a aprendizaxe está aberta a calquera tipo de coñecemento, desde como funciona un arduino ata como facer deliciosas galletas DiY. Na súa web e redes sociais informan sobre as súas actividades e obradoiros abertos a persoas de todas as idades.

Makers.Lugo
Esta iniciativa xurdiu despois de que varios do seus membros se coñeceran na OSHWDem celebrada na Coruña en 2013. Case de forma espontánea, crearon unha asociación de persoas interesadas en impulsar o libre acceso á tecnoloxía a partir do hardware e software libre. Entre outras actividades, cada ano participan no evento mundial Arduino Day.

BricoLabs
Para participar nas súas actividades semanais non é tan importante o coñecemento como as ganas de aprender. Na súa Wiki accédese á documentación dos seus proxectos, que seguen o estilo dos fablabs e hackerspaces repartidos por todo o mundo. Reúnense na Domus da Coruña.

Ghandalf
Para uns é o mago azul de O señor dos aneis. Para o sector, unha das asociacións que máis teñen traballado na concienciación a prol do software libre de Galicia. Na súa web inclúen as actividades que organizan e prestan axuda para o impulso de estándares abertos e o fomento da competitividade e a innovación, entre outras cousas.

Trasno
Os seus impulsores distinguen dúas dimensións. Por un lado, o Proxecto Trasno propiamente dito, que se encarga de localizar e traducir software libre ao galego. E, por outro, a asociación, que se encarga de representar legal e financeiramente ao proxecto. Só traballan para o software libre en galego e está formado por voluntarios.

XeoPesca
Ao igual que outras entidades, entre os seus fins tamén está o desenvolvemento e promoción do software libre. Pero destaca ademais pola súa defensa da pesca sostible, artesanal e ecolóxica. Neste eido, pon en marcha proxectos potenciados polas tecnoloxías libres. Un dos máis recentes é Palleira.gal.

Comunidade O Zulo
É unha das iniciativas máis veteranas en Galicia e nela participan perfís profesionais de todo tipo: informáticos, avogados, cociñeiros, biólogos e ata persoas xubiladas. O seu denominador común: o seu interese pola tecnoloxía e cultura libres e o GNU/Linux.

Galpon
A súa área de influencia é Pontevedra xa que son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra. Estes entusiastas do software libre reúnense o último sábado de cada mes. Na súa web fanse eco de diversas actividades nas que participan e que se desenvolven sobre o sector por toda Galicia.

MeLisa
En Melide están moi comprometidos co software libre e MeLisa é unha proba disto. É unha comunidade moi activa que difunde novidades sobre as súas actividades e doutras entidades. Na súa web explican como liberar a tecnoloxía cunha licenza libre.

GPUL
Unha das máis activas e dinámicas do software libre de Galicia. Nace como iniciativa de estudantes universitarios da Coruña. Intentan incentivar o uso do software libre entre a comunidade universitaria. Algúns dos seus membros, pese á súa xuventude, son xa referentes do sector na nosa comunidade.

 

E AS INICIATIVAS EN SOFTWARE LIBRE SEGUEN MEDRANDO >>
No blog tamén entrevistamos aos impulsores da Asociación Aberteo.

Menú