Girl Stem 2020 entrevista a Amparo Alonso: “As mulleres non participarán nas grandes decisións se non se incorporan en igualdade aos ámbitos tecnolóxicos e científicos”

A catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña, entrevistada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, dá inicio á conversa asegurando que “hai un sesgo de xénero moi importante en todo o que ten que ver coas TIC’s” e ofrece uns datos que non deixan lugar a dúbidas “a porcentaxe de mulleres matriculadas en informática é só dun 12% e non fixo máis que baixar desde que se implantaron estes estudios en Galicia“.

A respecto da súa especialidade, advirte que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os nesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións de Google ou os asistentes persoais, que normalmente se representan como mulleres ou con rasgos que se consideran femininos. A investigadora sentencia que “é unha tecnoloxía que nos está levando ao futuro, así que temos que esforzarnos por desenvolver unha tecnoloxía que nos iguale a todas e todos e nos permita avanzar“.

Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que “a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino, xa o estamos vendo coa pandemia” e asegura que “necesitamos un cambio no modelo produtivo para reorientar sectores como o turismo, que tanto se está resentindo agora e onde a IA pode axudar moito“.

Amparo Alonso non dubida en afirmar que “hoxe saber manexar as TIC’s é como ler e escribir hai cen anos” e advirte que “todos os estudos confirman que as mulleres estamos quedándonos atrás, por iso é tan importante traballar na visibilización de referentes femininos para as rapazas, non só no ámbito público, senón nos seus entornos cercanos, ofrecerlles exemplos de mulleres con traxectorias STEM que podan espertar o seu interese“.

A catedrática remata a conversa pedindo que se creen máis espazos para reflexionar sobre as repercusións que teñen a ciencia ciencia e a tecnoloxía nas nosas vidas porque “faltan programas nos medios, campañas de alfabetización dixital… non existe unha cultura científica e tecnolóxica“. 

Amparo Alonso Betanzos é una Enxeñeira Química española, investigadora en intelixencia artificial, que naceu en Vigo o 10 de octubre do 1961. É catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de informática da Universidade da Coruña. Tamén desenvolve labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.

Un contido didáctico para os centros de ensino galegos


A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL achegará aos centros de ensino galegos a conversa con Amparo Alonso Betanzos en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súas biografía, a explicación dos seus traballos e os proxectos que está a desenvolver. A conversa publicarase tamén nas canles da Amtega.

O próximo xoves 10 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a última conversa desta edición, protagonizada pola referente Susana Martínez-Conde, neurocientífica e profesora da Universidade de Nova York, que será entrevistada por Mª José Malmierca, coordinadora de e-learning no CESGA.

Ligazón á conversa con Amparo Alonso:

https://archive.org/details/sg-amparo-alonso-v-3-1

LINKS DE INTERESE:

https://es.wikipedia.org/wiki/Amparo_Alonso_Betanzos

https://es.wikipedia.org/wiki/Inteligencia_artificial

http://www.aepia.org/aepia/

keyboard_arrow_up