Girl Stem 2020 entrevista a Rocío Martínez, unha das investigadoras do King´s College que impulsou traer a España os superrobots que fan test masivos para a covid-19

girl stem 2020 entrevista rocio martinez

Esta semana GIRL STEM conversa con Rocío Martínez Núñez traballa como investigadora no King´s College de Londres, desde onde conseguiu impulsar xunto a un equipo de colegas unha operación público-privada que trouxo a España a pasada primavera máquinas capaces de analizar 2.400 test de PCR ao día. Nunha entrevista realizada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais, a científica española salienta a forte vinculación de todos os campos da investigación co big data e lembra que “por iso é imprescindible ter nocións básicas de informática“. A este respecto reflexiona sobre a necesidade de empregar software libre nas investigacións porque asegura que “detrás do código aberto, hai unha comunidade de persoas moi abertas e con grande espírito de colaboración, algo que temos que incorporar á biomedicina, onde por agora funcionamos con protocolos únicos que outros laboratorios non poden replicar; temos que conseguir traballar conxuntamente en investigacións que teñen como obxectivo o ben común“.

A investigadora anima ás rapazas novas a escoller estudos STEM e aconsella “que confíen no seu criterio e que non teñan medo nin ao descoñecido nin ao fracaso; o fracaso é parte do proceso investigador, niso consiste a ciencia: experimentos fallidos que alcanzan resultados con tesón e determinación“. Tamén recomenda “que busquen persoas mentoras que lles ofrezan pistas, consellos… porque iso pode cambiar a túa carreira; pero non me refiro a persoas que che van dicir o que ti queres escoitar, senón as que che van dicir realmente o mellor para ti“. Sobre isto, tamén anima á xente nova a perder o medo e a vergoña e atreverse a escribir a calquera persoa que lles inspire a través das redes sociais, “se non quere atenderte, entón xa sabes que podes descartar a esa persoa como mentora, non hai nada que perder“.

Por último, a científica fala da necesidade de viaxar, coñecer outras realidades, experimentar e enriquecerse porque “iso é o que se valora nos traballos, o que levas na mochila; é bo cambiar de sitio porque enriqueces non só o teu curriculum, senón que te enriqueces ti como persoa e podes ser moito máis valiosa nun equipo“.

Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, Asma e infeccións respiratorias. Na crise do COVID-19 conseguiu traer a España uns superrobots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do Big Data.

Un contido didáctico para os centros de ensino galegos

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rocío Martínez Núñez en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

O próximo xoves 3 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e experta en intelixencia artifical, que será entrevistada por Luz Castro.

Ligazón á conversa con Rocío Martínez Núñez:

https://archive.org/details/sg-rocio-martinez-v-3

LINKS DE INTERESE:
https://www.kcl.ac.uk/people/rocio-teresa-martinez-nunez
https://es.wikipedia.org/wiki/Biolog%C3%ADa_molecular
https://www.elindependiente.com/vida-sana/salud/2020/05/12/rocio-martinez-la-investigadora-del-kings-college-tras-los-superrobots-de-los-test-masivos/
https://www.covidwarriors.org/
https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov/documentos/20200224.Preguntas_respuestas_COVID-19.pdf

Menú