Girl Stem remata a súa 3ª edición entrevistando a Susana Martínez Conde, unha científica neuronal galega que traballa na Universidade de Nova York

Na última entrega desta tempada GIRL STEM conversa con unha científica galega que imparte aulas na Universidade de Nova York, desde onde desenvolve tamén estudios de máxima relevancia para o coñecemento das conexión neuronais que se producen no noso cerebro ás que de momento non temos acceso e que serán un paso fundamental para avanzar nas aplicacións da intelixencia artificial.

A este respecto, Susana Martínez explica que “seguimos sen saber cal é o código neuronal, como é posible que un grupo de neuronas que individualmente non teñen consciencia, cando se interconectan en redes neuronais consigan xerar experiencias conscientes como a percepción da cor, a experiencia da felicidade, é dicir, todas as nosas experiencias subxectivas”. A neurocientífica asegura tamén que “aínda que nos resulte difícil crelo, non temos acceso directo á realidade, o que experimentamos é unha simulación que o noso cerbro crea de realidades que supoñemos que están aí fóra”. Sobre a neurociencia di que “se está volvendo máis cuantitativa” e recomenda ás mozas e mozos que se interesen por esta especialidade, completar as súas competencias con coñecementos informáticos para poder traballar con modelos computacionais.

Susana Martínez Conde naceu na Coruña o 1 de octubre de 1969 é unha científica neuronal galega. É Catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e Directora do Laboratorio de  Neurociencia Integrada, na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Realizou os seus estudos de doutoramento en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, para a continuación trasladarse aos EEUU a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel, na Universidade de Harvard. Actualmente é profesora de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Anteriormente foi instrutora de  Neurobioloxía en  Harvard, e despois dirixiu laboratorios no  University  College  London, no Reino Unido; e no Instituto Neurolóxico  Barrow, en Arizona. O seu programa de investigación actual céntrase na neurociencia cognitiva, perceptual e  oculomotora. Entre as distincións recibidas pola Dra. Martínez-Conde atópase o premio internacional EyeTrack Award, polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire  Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York, e o Premio 100 Españois.

Máis de 300 centros de ensino recibiron os contidos do programa

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), rematan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Con esta sexta conversa finaliza a terceira edición do programa, que se difundiu en formato totalmente dixital e que AGASOL fixo chegar a 327 centros de ensino galegos en formato de pílulas audiovisuais, acompañadas de unidades didácticas, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. Deste xeito, foi posible non só adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, senón tamén achegar recursos que permitirán traballar de forma transversal nas aulas dos centros de ensino de Galicia durante todo o curso.

LINK Á CONVERSA:

https://archive.org/details/sg-susana-martinez-v-3

LINKS DE INTERESE:

https://es.wikipedia.org/wiki/Susana_Mart%C3%ADnez-Conde
https://mujeresconciencia.com/2017/09/28/susana-martinez-conde-hay-que-fomentar-el-idealismo-en-la-gente-joven
www.neuroloxia.com/es/pacientes/enfermidades/
www.sen.es/pdf/2010/que_es_la_neurologia.pdf

Menú