Montserrat Guardia de Alastria: ”As mulleres non podemos deixar que as opinións doutras persoas decidan a nosa vocación”

Montserrat Guardia, directora xeral do Consorcio Alastria Blockchain, explicou a súa visión sobre a presenza das mulleres nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no marco do programa ‘GIRL STEM: derrubando estereotipos’, que impulsa a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Amtega da Xunta de Galicia.

Nun encontro con case 300 rapazas e rapaces dos centros IES Monelos, IES Mugardos, IES Rafael Dieste (A Coruña), CPI Camiño de Santiago (O Pino) e IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Guardia apuntou algunhas claves necesarias para que as rapazas escollan libremente una carreira científica ou tecnolóxica, que son ámbitos nos que a presenza feminina tan só representa un 25% do total de estudantes, según o informe presentado o pasado mes pola Asociación Española para a Dixitalización, DigitalEs. “As mulleres non podemos deixar que os comentarios e opinións de outras persoas acerca das nosas capacidades, nos inflúan á hora de decidir cal é a nosa vocación”, explicou a poñente a un auditorio de rapaces e rapazas de 14 anos que participaron na sesión comentando como enfocan os seus futuros e que nalgún caso manifestaron querer cursar estudios influídos pola opinión de familia e amigos. Ante estas respostas, a poñente non dubidou en aconsellar que “hai que valorar as opinións que nos dan, pero debemos pensar se o que a xente espera de nós é o que nós queremos de verdade”.

Montserrat Guardia

Montserrat Guardia cre que é necesaria unha maior comprensión cara o papel que pode ter a muller en profesións técnicas. “Creo que moitas veces non se sabe exactamente o que significa ser enxeñeira”. E considera que as mulleres deben escoller libremente, sen ataduras sociais ou culturais. “Na miña época era raro estudar Enxeñería de Telecomunicacións. Estaba convencida de que a decisión tiña que ser miña, non dos meus pais nin das miñas amigas”. E engadiu que “o poder de decisión e acción non é unha capacidade masculina ou feminina, é unha capacidade de persoas” e apuntou que, no seu caso persoal tivo a sorte de que as súas parellas apoiaron sempre as decisións e postos de alta responsabilidade, algo que para ela foi fundamental “rodearse de xente que te apoia e evitar a quen non valora os teus desexos e capacidades”.

Sobre as carreiras STEM, a directiva de Alastria apuntou que todas as comodidades e avances que melloran o noso día a día baséanse en cálculos matemáticos e operacións de enxeñería que non vemos pero que nos axudan a vivir nun mundo mellor; e dirixíndose ás mozas e mozos do auditorio afirmou “se vos gusta experimentar, cambiar e mellorar a vosa realidade, tedes corazón de enxeñeiras e enxeñeiros”.

Respecto da discriminación positiva, Guardia cre máis nas persoas que na segregación por xénero: “Necesitamos persoas que saiban traballar en equipo e os equipos teñen que ser inclusivos e representativos de toda unha sociedade para realmente facer achegas valiosas e desenvolver unha tecnoloxía ao servizo da humanidade”.

En que consiste o programa

A iniciativa ‘GIRL STEM’ consiste nun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Do 4 ao 14 de outubro celébranse diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.

Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado só representa o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

Quen é Montserrat Guardia

É a directora xeral de Alastria, o consorcio de Blockchain no que participan máis de 420 entidades de primeira liña, procedentes da industria, o sector público e o ámbito académico de España. Alastria foi chave no lanzamento da International Association for Trusted Blockchain Technologies (3 de abril de 2019). Como ela mesma explicará durante a sesión, o blockchain é unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos anos. Ademais de ser experta nesta materia, Montserrat Guardia acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002.

keyboard_arrow_up