Organizacións empresariais e sociais relacionadas con Software Libre de ambos lados do Atlántico formalizan a súa colaboración a través do Acordo Atlántico

29 de xuño de 2011. As seguintes asociacións empresariais e sociais do ámbito do Software Libre/Código Aberto:

 

AGASOL: Asociación Galega de Empresas de Software Libre – Galicia, España.

ASL: Associação SoftwareLivre.Org – Brasil.

ASOLiF: Federación Nacional de Empresas de Software Libre – España.

CAdESoL: Cámara Argentina de Empresas de Software Libre – Arxentina.

ESOP: Associação de Empresas de Software Open Source Portuguesas – Portugal.

SoLAr: Asociación Civil Software Libre Argentina – Arxentina.

estiveron ao longo dos últimos meses traballando conxuntamente co fin de establecer acordos e canles de comunicación como paso previo á realización dun Plan de Acción conxunto a executar a ambos lados do Atlántico ao longo dos vindeiros anos. Estas actividades estarán orientadas á xeración e explotación de oportunidades de negocio, así como melloras de carácter social, difusión, apoio e asesoramento en cuestións que incumben a cada unha das entidades implicadas.

 

O Software Libre/Código Aberto propón a xeración e transferencia de coñecemento de igual a igual. As organizacións asinantes do Acordo Atlántico, que hoxe se fai público, pretenden trasladar este principio ao ámbito empresarial e social máis aló das súas respectivas contornas nas que operan.

Propóñense tamén aproveitar a experiencia acumulada no desenvolvemento e explotación de tecnoloxías libres, así como na xeración de riqueza a través de modelos de negocio baseados en Software Libre/Código Aberto, para a realización de proxectos e accións conxuntas con impacto global.

O Acordo Atlántico constitúe, polo tanto, a primeira pedra que poñen estas organizacións para consolidar procesos de internacionalización durante os vindeiros anos. Representa á súa vez unha proba de madurez e visión global das organizacións asinantes do acordo, que reforza a auxe que o Software Libre/Código Aberto está experimentando en todo o mundo e, en concreto, nos países hispanos e lusófonos.

http://www.asolif.es/?page=acuerdo_atlantico



keyboard_arrow_up