Para cambiar o mundo, debemos cambiar o software
O actual contexto económico está a promover con máis intensidade ca nunca a adopción de solucións que sexan economicamente rendibles, pero que ao mesmo tempo estean preparadas en eficiencia e calidade para competir nun mercado cada vez máis especializado e esixente.
No ámbito do software libre en particular, esta filosofía da eficiencia económica e a calidade do produto é un trazo de identidade que sempre estivo presente, sen agardar á variación do momento económico. Mais é neste momento cando se fai máis visible a idoneidade de “pensar en software libre” á hora de planificar solucións de soporte informático tanto a pequena como a grande escala.
A Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre -AGASOL- vén fortalecendo o tecido empresarial do software libre desenvolvendo proxectos que promoven as tecnoloxías opensorce non só como alternativa por economía, senón por adaptabilidade e versatilidade dos produtos, e aplicacións de calidade. Esta promoción do sofware libre plásmase en catro eixos principais:
a mellora da xestión
a formación
a internacionalización e colaboración internacional empresarial
a aplicación a novos campos (o terceiro sector,…)
Como ferramenta para a mellora da xestión empresarial, AGASOL deseñou un aplicativo web de software libre para a xestión de proxectos -Navalplan- nun estaleiro e en dúas empresas auxiliares. Isto foi posible ao abeiro dun convenio de colaboración que a asociación asinou coa SXMIT, encamiñado á promoción e desenvolvemento do sofware libre e o uso de estándares abertos en Galicia.
No eido da educación, AGASOL é o impulsor do proxecto Abalar, que coordina a Consellería de Educación, e que consiste na integración das TIC no eido educativo implementando software libre nos equipos portátiles do alumnado e o profesorado, así como nos servidores dos centros educativos, para o cal é precisa unha constante formación en contidos dixitais, na que tamén participa AGASOL.
Mais cando os produtos creados dende o software libre, coma os galegos que xermolan dentro de AGASOL, acadan un nivel de calidade óptimo, é momento de promover tamén a súa internacionalización e a colaboración cos sectores empresariais doutros países. Neste senso, AGASOL participou xunto con outras entidades do sector nun proxecto promocionado polo IGAPE e destinado a tender pontes ás empresas de software libre galego para o intercambio empresarial con membros dos países BRIC, cunha ollada máis detida no mercado Chino e nas posibilidades de colaboración con Brasil.
Nunha sociedade cada vez máis demandante da colaboración intersectorial e da organización para o desenvolvemento, AGASOL organizou unha xornada dirixida ao terceiro sector, para dar a coñecer as solucións TIC que ofrece o software libre. Este encontro foi un punto de partida para a colaboración co desenvolvemento promovido polos axentes do terceiro sector a partir das solucións prácticas e gratuítas que ofrece o software libre.
Non obstante, malia que se están dando pasos moi definidos e importantes na difusión de ferramentas de código libre en campos moi dispares, dende AGASOL consideramos que é precisa unha liña de acción máis transversal que necesariamente debe pasar por un cambio de conciencia sobre as necesidades no ámbito TIC. A aposta polo software libre debe sobrepasar as colaboracións puntuais e a política de subvencións para ser tida en conta como unha alternativa seria, viable e que sexa o sustento doutra maneira de entender a xestión de software, pilar básico, por exemplo, da administración.
